Como solución para converter un televisor nun Smart TV levan anos popularizándose dispositivos HDMI baseados en Android que achegan a reprodución de vídeo e numerosas aplicacións ao salón doméstico, pero os novos procesadores de Intel están a facilitar que este tipo de trebellos sexan moito máis versátiles e potentes, de xeito que xa poden operar con Windows 8.1, de xeito que por un prezo asumible podemos converter practicamente calquera televisor ou monitor con entrada HDMI nun ordenador que pode conectarse á Rede.
Están a xurdir varios dispositivos dende China a prezos bastante axustados, como o MEEGO-T01, que funciona cun procesador Intel Z3735G/F de catro núcleos, 1/2 Gb de RAM, 16/32 Gb de almacenamento interno, lector de tarxetas microSD, 2 portos micro USB 2.0, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, unhas medidas de 99,6 x 37,6 x 9,6 milímetros e un peso de 46 gramos que pode funcionar con Windows 8.1, Android ou Linux. Para facernos unha idea do prezo polo que podemos conseguir este dispositivo temos o APM-D01 á venda por 87,43 euros (en pedidos por volume o prezo sería de só 56,83 euros). Ambos trebellos poden comprarse en dúas variantes: a básica, cun procesador Z3735G de 32 bits e 1 Gb de RAM e outra máis avanzada cun procesador Z3735F de 64 bits e 2 Gb de RAM, resultando especialmente atractivo este último modelo, por ter prestacións máis que suficientes como para poder gozar o ano que vén de Windows 10, polo que podemos velo como unha solución válida para configurar un ordenador económico ou como o equipo informático conectado ao televisor máis cativo do mercado.
Dispositivos HDMI permiten converter o televisor nun ordenador con Windows 8.1
Compartir Este Artigo

