Distinguidas en Santiago as empresas Alén Space e Neutron Insights e o grupo Biofarma
xoves, 21 de novembro do 2024
O grupo BioFarma e as empresas Alén Space e Neutron Insights recibiron este 21 de novembro, no Pazo de San Roque de Santiago, os galardóns da VIII edición dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off, que distingue cada anos ás empresas e grupos de investigación galegos máis innovadores. Ao evento asistiron entre outras/os o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, o concelleiro de Economía e Facenda do Concello de Santiago, Manuel César Vila, e a vicerreitora da Uvigo, Mónica Valderrama.
O conselleiro destacou a “calidade do traballo dos premiados nesta edición” e lembrou que detrás de todos os avances da humanidade está o coñecemento como o que representan os galardoados por este tipo de galardóns. “Atopámonos nun momento clave en moitos terreos como o da Intelixencia Artificial e a Biotecnoloxía e somos nós os que temos que decidir se nos subimos a ese tren ou non”, engadiu.
Mabel Loza, coordinadora do Grupo BioFarma, foi a encargada de recoller o galardón ao mellor Grupo de Investigación, acompañada pola catedrática emérita e fundadora do grupo, Maribel Cadavid. BioFarma conta cunha traxectoria de case dúas décadas nas que participou na investigación de 15 novas entidades químicas, que chegaron a ensaios clínicos. O xurado valorou especialmente o feito de tratarse dun grupo dirixido por unha muller
O premio Selo de Calidade á empresa cunha traxectoria máis destacada no eido da innovación foi para Alén Space, spin-off de tecnoloxías aeronáuticas avanzadas xurdida na Uvigo. O xurado valorou especialmente “a traxectoria de máis de 15 anos de Alén Space xunto ao Grupo Aeroespacial da Uvigo, que a levou a contar cun importante mercado internacional no campo dos satélites de pequeno tamaño”. Un dos seus fundadores, Aarón Nercellas recolleu o galardón e explicou na súa intervención que a empresa “tivo un crecemento moi importante nos últimos anos e pasou de contar con apenas sete empregados a máis de 80 na actualidade”.
Finalmente, na categoría de Idea Emerxente tamén foi premiada a empresa spin-off da USC Neutron Insights. Trátase dunha compañía nova que está a desenvolver unha tecnoloxía innovadora —o uso de neutróns— para superar as limitación das radiografías convencionais no terreo industrial, co obxectivo de producir un novo dispositivo capaz de penetrar en materiais densos. Pablo Cabanelas, co-fundador da compañía, animou aos investigadores universitarios a non ter medo a saír do mundo académico e poñer en marcha proxectos empresariais que fagan realidade as súas ideas.
A directora xeral de Unirisco, Inmaculada Rodríguez, unha das entidades patrocinadoras do certame, agradeceu o traballo na sombra que realizan moitos investigadores e destacou a vontade da súa entidade de axudar as empresas innovadoras a desenvolver os seus proxectos e xerar emprego de calidade.
Os premios entregados consisten nunhas pezas artesanais deseñadas en exclusiva polo artista coñecido como Sátrapa, residente en Santiago. O aspecto innovador das pezas reflexa perfectamente o espíritu destes galardóns que xa cumpriron oito edicións.