Distinguidos dous investigadores da USC pola súa reconstrución en 3D do vello Portomarín
martes, 21 de outubro do 2025
Os investigadores da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Julio Vázquez Castro e Jesús Ángel Sánchez García, vencellados os dous ao Instituto de Investigación en Humanidades da USC (iHUS), veñen de obter o recoñecemento Synergy Grant no marco da selección de traballos dixitais sobre patrimonio cultural 3DBigDataSpace. O proxecto distinguido é unha reconstrución 3D do vello Portomarín que liderou Julio Vázquez, xunto cos deseñadores do Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG). O proxecto destes investigadores foi un dos dous premiados entre 40 propostas de 19 países.
O proxecto ten a súa orixe na investigación da vila de Portomarín, un núcleo de orixe medieval e cunha estrutura urbana constituída por dous barrios, o de San Pedro e o de San Xoán, situados a ambos os lados das ribeiras do río Miño. En 1946 foi declarada Conxunto Histórico-Artístico pero en 1956 iniciáronse as obras do encoro de Belesar, ficando asolagada en 1963.
A reconstrución virtual acabada de recoñecer correspóndese cos anos 50 e 60 do século XX, época da que existe abundante documentación gráfica, acadando xa en 2024 o Premio Humanidades Digitales Hispánicas como Mellor ferramenta, recurso, infraestrutura desenvolvida en 2023.
A convocatoria sobre sinerxía de datos que lanza 3DBigDataSpace seleccionou dous proxectos destacados, entre eles o dos investigadores da USC, que enriquecerán a dispoñibilidade de conxuntos de datos 3D de alta calidade sobre patrimonio cultural en liña.
A USC informou que a través do Programa Synergy “recibirán apoio específico para preparar os seus activos e metadatos 3D para que formen parte do Espazo Común Europeo de Datos para o Patrimonio Cultural, unha iniciativa paneuropea deseñada para que os datos dixitais do patrimonio cultural sexan máis accesibles, interoperables e reutilizables entre institucións de investigación, museos e público”.
Dende a Universidade lembran tamén que o persoal investigador da USC e do CIAG xa reconstruíu virtualmente máis de 300 edificios utilizando fotografías de arquivo, testemuños orais e modelado 3D avanzado. “Co apoio do Programa Synergy, os valiosos recursos dixitais do proxecto estarán agora preparados para a súa integración no Espazo Común Europeo de Datos para o Patrimonio Cultural”, explicaron dende a USC, engadindo que “isto garante que o modelado do xemelgo virtual de Portomarín, xa un valioso recurso cultural e emocional, sexa un conxunto de datos estruturado e reutilizable a dispor (en liña) da docencia, da investigación e da narración comunitaria”.
Co apoio do College of William & Mary (EE.UU) e a experiencia Galiverso (Cidade da Cultura, Xunta de Galicia), o proxecto contou tamén coa participación da veciñanza de Portomarín, que aínda conserva o recordo da súa cidade perdida. Isto resultou “fundamental para garantir a exactitude histórica da reconstrución”, destacaron os investigadores, apuntando que as súas contribucións estiveron lideradas polo fotógrafo José López, “quen xenerosamente compartiu miles de imaxes do seu arquivo persoal”. Por parte do CIAG, integraron a iniciativa os deseñadores gráficos Carlos Paz de Lorenzo, Anxo Miján Maroño, Alexandre González, Manuel García, Alejandro Soriano e Andrés Armesto.
Lanzado en febreiro de 2025 e financiado polo Programa Europa Dixital, 3DBigDataSpace integra máis de 50.000 modelos 3D de alta calidade no Espazo Común Europeo de Datos para o Patrimonio Cultural. Ao combinar o almacenamento interoperable co enriquecemento baseado en IA, o proxecto mellora a visibilidade, os metadatos e a usabilidade do contido 3D, o que permite experiencias inmersivas. As aplicacións piloto en museos, sitios patrimoniais e programas educativos demostran o seu impacto real, mentres que as iniciativas de formación capacitan as partes interesadas de toda Europa para interactuar co patrimonio cultural dixital e ampliar o seu acceso.
