Diversas actividades conforman a celebración do Día dos Medios en Galego

martes, 6 de febreiro do 2024 Redacción

O presidente da Asociación de Medios en Galego (AMEGA), Pablo García Fernández, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron en conferencia de prensa as diferentes actividades que organizou a entidade para celebrar o XI aniversario do Día dos Medios en Galego. Este día, 7 de febreiro, coincide coa saída da primeira publicación monolingüe en galego O Tío Marcos d’A Portela, editado por Valentín Lamas Carvajal no ano 1876.
Nesta nova edición, AMEGA presenta un programa composto por varias actividades e celebracións relacionadas coa nosa lingua. En primeiro lugar a asociación organizou ao longo do mes de febreiro un conxunto de roteiros xornalísticos por varias vilas do país. Neles visitaranse lugares emblemáticos relacionados coa historia e a actualidade dos medios en galego, acompañados por expertos na temática e amenizado por bandas musicais. As localizacións confirmadas son A Estrada (3 de febreiro), Santiago de Compostela e A Pobra do Caramiñal (17 de febreiro), e A Coruña (24 de febreiro).
Ademais, presentarase unha guía didáctica para que o profesorado galego poida incluír contidos relacionados co pasado e o presente dos medios en galego, que leva por título Coñecendo os medios en galego. Co que se quere conmemorar o 175º aniversario de Valentín Lamas Carvajal.
Por último, AMEGA repite na organización dun evento musical para reivindicar o uso da lingua. Nesta ocasión as protagonistas serán Fillas de Cassandra e De Ninghures, e os concertos celebraranse o vindeiro xoves 22 de febreiro na Sala Inn Club da Coruña a partir das 21:00, estando xa dispoñibles os billetes para o evento en Entradium.
Pablo García indicou que «o Día dos Medios en Galego é un día de reivindicación pero tamén de celebración. E que AMEGA, segue tendendo pontes cunha serie de actividades que queren dignificar a labor dos medios en galego e achegalos aos máis novos».
Valentín García pola súa banda, resaltou o acerto de AMEGA coa planificación destas actividades e «a importancia de chegar á xente nova, que é algo importantísimo e onde a lingua galega ten que buscar ese espazo de expansión, ese espazo de afianzamento, sobre todo en espazos urbanos como pode ser a cidade da Coruña».

PUBLICIDADE