DixitalON botou a andar na Ribeira Sacra

luns, 12 de novembro do 2018 Redacción

A AMTEGA iniciou esta fin de semana na Ribeira Sacra as edicións de DixitalON, programa formativo sobre transformación dixital para autónomos e PEME, xuntando a un grupo de pequenos empresarios de diversos sectores (pequeno comercio, construción, servizos sociais, alimentación e bebidas ou enxeñaría) para que durante dous días compartan no Parador de Santo Estevo a súas inquedanzas sobre a dixitalización dos seus negocios. Tamén recibiron nocións chave para asumir este proceso transformador do xeito máis efectivo e adaptado ás súas necesidades particulares.
DixitalON abandona o formato tradicional de formación para ir a novas dinámicas como o Visual Thinking ou a metodoloxía LEGO Serious Play para explorar como transformar dixitalmente un negocio baseándose nos procesos clave de cada empresa. Para completar esta experiencia, os asistentes degustarán produtos típicos da zona e realizarán visitas a empresas da zona que están acometendo procesos de dixitalización e comprobar in situ os resultados.
Aqueles autónomos e profesionais de pequenas empresas que non puideron sumarse a DixitalON Ribeira Sacra, teñen a oportunidade de facelo na segunda edición de DixitalON, do 23 ao 25 de novembro, nas Fragas do Eume, o parque natural de Galicia considerado un dos máis importantes bosques atlánticos de toda Europa.

PUBLICIDADE