Dmitry Muratov clama no Vigo Global Summit por liberar as redes do fascismo

mércores, 12 de novembro do 2025 S. P.

O xornalista Dmitry Muratov, Premio Nobel da Paz, mostrou no Vigo Global Summit 2025, este 12 de novembro e ante un auditorio abarrotado, a súa preocupación polo rexurdimento do fascismo e a súa presenza na Internet. “O fascismo moderno é capaz de manipular a conciencia pública coa súa ideoloxía a través da Rede. Agora, nos países totalitarios, o Estado apoderouse da Internet”. Muratov engadiu que a batalla “ten lugar entre a alianza de ditadores e a alianza de democracias”.
Durante a súa conferencia maxistral, advertiu de que “a verdade converteuse nunha especie de antibiótico, case non funciona”. O Nobel da Paz referiuse á chamada “Internet dos mortos” , en relación a que o número de bots supera ao de vivos. Sinalou que “os bots poden deixar mil comentarios imitando reaccións humanas”.
O xornalista ruso mostrouse, con todo, esperanzado coa aparición da era da nova Internet liderada por Tim Berners-Le, “sen estafadores nin manipulación algorítmica”. Muratov tamén mostrou a súa preocupación polos servizos de IA cuxos creadores deberían etiquetar o contido que reproducen. “En Europa, a Comisión está a solicitar que se etiquete o contido, pero poucos están a facelo”. Entre os vivos e os mortos, entre o real e o artificial, “a verificación de datos será a base da liberdade”.
Durante a súa intervención, o Nobel aludiu ao recente caso da BBC cuxo director dimitiu tras a publicación do discurso de Donald Trump de forma que el non o dixera. “A ditadura dixital é a nosa realidade. Debemos aprender”, matizou.
Muratov tamén ensinou ao auditorio as fotos de presos políticos rusos como Alexéi Navalny ou Alekséy Gorinov, con retratos onde o Nobel mostraba o cambio físico de todos eles, algúns mesmo, no seu cadaleito. “Nin a Comisión Europea nin a Cruz Vermella, ninguén pode facer nada. Leo as cartas que me escriben máis de mil presos que se atopan nesta situación. A única fonte do progreso é a paz”, engadiu, aludindo tamén á Declaración Universal dos Dereitos Humanos, mostrando aos asistentes un exemplar asinado por 48 países: “É necesario, se te dedicas á política, asinar isto”.
Inauguración
O congreso internacional Vigo Global Summit arrincou este mércores 12 en Vigo coa presenza dalgúns dos líderes mundiais en economía e xeopolítica. Durante a inauguración, o delegado do Estado da Zona Franca de Vigo, David Regades, mostrou o compromiso da institución que lidera para “poñer sobre a mesa as pezas deste taboleiro que é a xeopolítica actual” a través deste foro internacional.
Regades lembrou que Vigo é unha cidade líder cun 14 por cento do emprego tecnolóxico. “Este foro axuda a afrontar novos retos. Vigo é un territorio innovador, competitivo, e é un territorio que proba o futuro antes que os demais. Zona Franca Vigo quere deixar un legado aos cidadáns deste territorio. A dúbida é un exercicio de honestidade intelectual e é o noso obxectivo dubidar, escoitar, dialogar, compartir e aprender e é o que queremos facer neste congreso”.
Pola súa banda, Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca, afirmou que o obxectivo de Summit é “formular preguntar pertinentes. Vivimos nun tempo en que nada chega a estabilizarse. Fronte a esta complexidade, a actitude debe ser escoitar e mirar ao redor”.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, subliñou que “a esencia desta cidade é a economía, as empresas, a tecnoloxía; a nosa capacidade de producir e mostro capacidade de innovar. Somos economía”.
Na xornada de hoxe tamén interveu José Manuel Durão Barroso, presidente da Comisión Europea durante 10 anos, cun discurso eminentemente europeísta onde lamentou a perda de competitividade do vello continente, “en cámara lenta”, dixo, fronte a Estados Unidos e China e no medio “da crise mais profunda desde a chamada guerra fría e cun sentimento máis negativo contra Europa”.
Vigo Global Summit continuará este xoves co relatorio principal do Congreso a cargo do Nobel de Economía 2024, Daron Acemoglu, que intervirá no Palacio de Congresos a partir das 12.00h.