Docuten estrea nova feitura con proxección internacional

mércores, 10 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Docuten, a marca da firma galega Enxendra Technologies, centrada en servizos de sinatura dixital, facturación electrónica e cobros (todo nunha única plataforma), estreou este 10 de abril nova imaxe con proxección internacional. Enxendra Technologies decidiu renovar a feitura do seu produto estrela, Docuten, un ano despois do seu lanzamento.
Este novo impulso a Docuten súmase ao recibido a finais de 2018, coa compra de Besepa (en palabras de Enxendra, “un impulso empresarial que implicou a completa dixitalización e automatización de todo o ciclo de documentos de negocio”).
Para o deseño da nova imaxe que hoxe se fai pública este 10 de abril, Enxendra apostou por Desenlace, un estudo de branding madrileño co que a empresa galega sentiu gran afinidade desde o primeiro momento.
A renovación de feitura visual oriéntase a un obxectivo claro e primordial no 2019: a internacionalización definitiva da marca. Segundo nos conta acerca destes plans de espallamento Brais Méndez, director executivo de Enxendra, “sería un orgullo situar a unha empresa galega como referente do sector a nivel europeo, e traballaremos sen descanso para conseguilo”. Este proceso, sinala, comezará co sólido establecemento en Alemaña e Inglaterra, para seguir expandíndose de maneira gradual polo continente.
Que é Docuten?
Docuten, en palabras dos seus impulsores, é a primeira plataforma que agrupa o servizo de facturación electrónica, sinatura dixital e xestión en liña de toda a documentación dunha entidade. Ademais, na parte que inclúe a facturación electrónica, Docuten intégrase cos puntos xerais de entrada de facturas nas administracións públicas españolas máis importantes, permitindo o envío no formato Facturae. Por outra banda, o servizo de sinatura dixital permite asinar contratos e outros documentos con pleno valor legal a través da web e do móbil.

PUBLICIDADE