Docuten xunta forzas con Canon a prol da dixitalización empresarial
xoves, 14 de decembro do 2023
Canon España
chegou a un acordo coa compañía coruñesa Docuten para potenciar a
dixitalización das empresas a través da sinatura dixital e a facturación
electrónica. Ademais, este acordo tamén ten como obxectivo facilitar a adopción
da nova Lei Crea e Crece, que fará obrigatorio este tipo de facturación a empresas
e autónomos, equiparando a súa situación co que xa sucede no ámbito da
Administración Pública.
Docuten, novo socio tecnolóxico de Canon tras a firma deste
acordo, especialízase precisamente en impulsar a dixitalización administrativa
e eliminar o papel de todo tipo de organizacións a través dos servizos xa
comentados de facturación electrónica e sinatura dixital.
“Este acordo pon
en manifesto o traballo que desde Canon estamos a realizar para potenciar o
máximo posible a nosa área de solucións, Canon Information Management
Solutions. Todo tipo de empresas debe facer fronte á dixitalización, non só
para adaptarse ás novas normativas legais, senón para manter a súa
competitividade nun mercado cada vez máis complexo e tecnoloxicamente
avanzado”, explica Eva Sánchez-Caballero, Head of Solutions en Canon.
Froito deste
acordo, a solución de Canon para a xestión de contidos, documentos e procesos
empresariais Therefore intégrase coa plataforma de factura electrónica
de Docuten, facilitando aos usuarios o acceso e a xestión destes documentos
desde unha mesma plataforma.
Therefore é unha das solucións máis relevantes de
Canon Information Management Solutions. Permite protexer os datos empresariais
nun repositorio dixital central accesible en todo momento. Tamén permite
capturar a información de arquivos dixitais ou en papel, así como de
formularios electrónicos, para, unha vez arquivada, poder automatizar e
optimizar moitos dos principais procesos empresariais.
Con esta
solución, doada de adoptar polos usuarios, flexible e integrable con outras
aplicacións da empresa, as compañías ven incrementada, non só a súa
produtividade grazas á automatización de procesos documentais, senón tamén a
validez dos ditos documentos, podendo acceder aos mesmos de forma segura en
calquera momento e lugar.
Brais Méndez, director
xeral de Docuten, destaca que este acordo de colaboración con Canon “supón unha
gran oportunidade para acelerar a transición dixital de moitas empresas, ao
poñer á súa disposición ferramentas e servizos de eficacia comprobada que
ofrecen múltiples posibilidades, caracterizadas pola máxima seguridade e
garantía no seu funcionamento”.