Dodro, Rois e Padrón formarán a quince mozas e mozas en maquetación gráfica e impresión
venres, 25 de outubro do 2024
Este mes de outubro os Concellos de Dodro, Rois e Padrón presentaron unha nova iniciativa conxunta para o fomento do emprego entre a mocidade. Trátase do obradoiro de garantía xuvenil Terras de Iria que formará a quince mozos e mozas de estes concellos en maquetación gráfica e impresión.
Terras de Iria está financiado con 411.000 euros pola Xunta de Galicia e, segundo informaron os Concellos, “supón unha oportunidade de formarse nunha actividade na que existe unha boa demanda de traballadores”.
O acto de presentación celebrouse no Auditorio de Rois e participaron os alcaldes de Padrón, Anxo Arca, Dodro, Xabier Castro, e Rois, Ramón Tojo. Contaron tamén coa presencia do director territorial da Consellería de Emprego, Juan José Couce, e o alumnado e o equipo docente do obradoiro.
Explicaron os alcaldes que o programa de emprego Terras de Iria é un programa mixto de formación dirixido a mellorar a ocupabilidade de persoas mozas desempregadas, que son contratadas baixo a modalidade de contrato para a formación en alternancia. Este modelo de alumnado-traballador “permítelles aos participantes dedicarse en exclusiva á aprendizaxe durante os doce meses de duración do obradoiro”, sinalou o rexedor de Rois.
Pola súa banda, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, subliñou a pertinencia da formación que se vai desenvolver nun mundo cada vez máis dixital e dominado pola imaxe. Nesta liña, animou os participantes a aproveitar este obradoiro recordándolles que pode ser a chave que lles abra outras oportunidades.
As e os estudantes tamén traballarán na imaxe corporativa e deseñarán material promocional dos tres concellos participantes. Tamén farán catálogos de fotografías, infografías e maquetación editorial que sexa de interese para a veciñanza de Rois, Padrón e Dodro
Estas accións súmanse ás desenvolvidas polo alumnado do obradoiro Terras de Iria 2023, clausurado hai tan só uns días, e que aplicou a formación en confección e maquetación de páxinas web para seguir desenvolvendo á páxina Terras de Iria.