Dolby Vision chega aos xogos de Xbox Series X|S

martes, 28 de setembro do 2021 Marcus Fernández

As consolas Xbox queren ofrecer a mellor experiencia sonora e visual, e aínda que levan tempo soportando o son envolvente Dolby Atmos e as imaxes en Dolby Vision para as películas e os contidos en streaming, agora ofrecen oficialmente Dolby Vision nos xogos de Xbox Series X|S, polo que os usuarios que conten cun televisor compatible poderán gozar dunha experiencia mellorada, con maior contraste e claridade.
Actualmente hai máis dun cento de xogos de nova xeración con soporte de HDR que teñen previsto tirar proveito de Dolby Vision, e no futuro poderemos ver xogos como Halo Infinite que permitan gozar totalmente de Dolby Vision, tecnoloxía que ao combinala con Dolby Atmos permite ofrecer unha experiencia sen igual en consolas de videoxogos.
Pero non só os novos xogos aproveitarán o Dolby Vision, senón que moitos títulos lanzados anteriormente poderán gozar desta tecnoloxía se xa integraban HDR10 ou se contan con Auto HDR, condicións que cumpren milleiros de xogos actualmente.
Polo momento non hai plans para que a PlayStation 5 incorpore Dolby Vision nos seus xogos, aínda que si soporta esta tecnoloxía cos contidos audiovisuais.

PUBLICIDADE