Doodle Jump pasa a ser de balde para Android

martes, 19 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Un dos primeiros grandes éxitos dos videoxogos para iPhone, antes da chegada de Plants vs. Zombies e Angry Birds, foi sen dúbida Doodle Jump, un sinxelo título que consiste en saltar plataformas verticalmente evitando caer, controlando ao protagonista inclinando o móbil, de xeito que temos unha xogabilidade moi directa que seguiron moitos outros xogos despois (o máis recente podería ser o Sonic Jump de SEGA, aínda que este título xa contaba cunha anterior entrega para dispositivos móbiles previa a iOS), e que estreárase no Android Market a un prezo bastante elevado, o que impediu que trasladase o seu éxito aos móbiles de Google, o que agora podería mudar, xa que Lima Sky vén de re-estrear o xogo en Google Play ofrecéndoo de balde.
Doodle Jump para Android non só pode descargarse de xeito gratuíto, senón que tamén vai contar con contidos adicionais en breve (novos mundos temáticos nos que pode xogar), advertíndose aos usuarios que mercasen o xogo anteriormente que, de descargar a nova versión, verán como desaparece a publicidade do mesmo e desbloquéanselle contidos adicionais (sempre que fagan a instalación sen ter borrado a anterior aplicación).
Este cambio de modelo de negocio do xogo prodúcese tras caducar a licenza do mesmo adquirida por GameHouse (antes RealArcade) e retomar os dereitos da versión para Android a Lima Sky, compañía que sen dúbida conseguirá rendibilizar mellor o seu xogo co seu cambio de estratexia (pois o título anterior fóra totalmente irrelevante en Android).

PUBLICIDADE