Doris Verdes (Vitae): “Nos nosos 20 anos de traxectoria chegamos a formar a máis de 39.000 profesionais”
luns, 6 de xullo do 2026
Hai motores que están a pleno rendemento a tempo completo e en Vitae teñen un destes motores: unha engrenaxe de formación avanzada que actualizou os coñecementos tecnolóxicos e de desenvolvemento de máis de 39.000 profesionais nun período de 20 anos, ou sexa, dende os inicios de Vitae. Para saber máis da andaina de dúas décadas desta consultora especializada e referencial tivemos a oportunidade de falar con Doris Verdes, directora de Operacións en Vitae Consultores.
-En Vitae Consultores sodes un referente galego en formación transformadora para, principalmente, as e os profesionais do sector tecnolóxico. Tendes amplo alcance fóra de Galicia? Pódese dicir que tamén sodes un referente a nivel estatal?
-A nosa prioridade de posicionamento empresarial é Galicia, esa é a nosa prioridade, temos alcance fóra de Galicia pero para grandes multinacionais, tanto galegas como foráneas, que son os nosos clientes, e outras empresas galegas con alcance nacional e internacional como Plexus, Qindel, Balidea, Ednon, Aldaba, etc.
Comentar que grandes empresas tecnolóxicas a nivel mundial recorren a nós para formación e selección de perfís clave en Galicia, debido á nosa gran especialización e coñecemento do mercado no sector TIC galego.
-A que tipo de profesionais dirixides a vosa actividade? Por que é tan importante no sector TIC a formación e a actualización constante e continua de coñecementos?
-O noso obxectivo principal son profesionais de empresas TIC ou ben de departamentos TIC doutros sectores. En Vitae facilitamos formación en tres áreas importantes, a primeira é a formación tecnolóxica ou de operación, a segunda é a xestión de proxectos ou procesos e a terceira é a de dirección en habilidades directivas ou persoais, incluíndo Recursos Humanos.
O sector TIC é moi esixente na formación e especialización, sobre todo tecnolóxica, polas constantes actualizacións e melloras no sector, por exemplo, como estamos a ver agora coa IA Xenerativa. Tamén é moi importante a área de habilidades directivas e persoais, pois o sector TIC cada día está máis presente en todas as áreas de negocio, isto require habilidades interpersoais como comunicación, negociación, xestión de conflitos e liderado.
-Recentemente celebrastes na Cidade das TIC unha xornada sobre as utilidades da IA para o desenvolvemento de software. Está xa plenamente constatada esta utilidade? Ata que punto? Non se corre o risco de que a IA substitúa paulatinamente o factor humano no ámbito das empresas?
-Efectivamente, organizamos a 2ª edición da xornada para ver a evolución con respecto ao ano pasado do impacto da IA no desenvolvemento de software. As conclusións son que aínda é unha tecnoloxía moi verde e que non está, nin moito menos, implantada a nivel global nas empresas, de momento só en departamentos, áreas ou proxectos específicos, pois existe moita incerteza sobre todo no aspecto orzamentario e tamén a falta de madurez desta tecnoloxía, aínda que si que as empresas ven un potencial enorme e por iso están a investir na IA Xenerativa, a pesar destas incertezas, para non quedarse atrasadas.
-Tendes xa 20 anos de experiencia. Como cambiou o voso xeito de traballar dende os inicios de Vitae? En que se diferencia o que que facedes agora (e como o facedes) do que faciades nos primeiros intres do proxecto?
-Por unha banda cambiou pouco e por outro moito. Vitae sempre foi moi innovadora e implantamos o modelo híbrido de teletraballo en 2007 e desde o primeiro día da creación da empresa, en 2006, nunca realizamos entrevistas presenciais. Un gran cambio que nos produciu a pandemia foi na formación, xa que antes do 2020 toda a nosa formación era presencial. Na actualidade o 99% da formación é en modalidade de aula virtual en directo. Isto levou un gran cambio na xestión interna da formación e da metodoloxía de impartición dos cursos, que non pode ser a mesma que nos cursos presenciais.
-Insistides moito nas metodoloxías áxiles e na necesidade de familiarizarnos con elas. Por que son tan importantes?
-As metodoloxías áxiles foron unhas das grandes e acertadas innovacións dos últimos 50 anos na xestión de proxectos debido a que racionalizan a realidade empresarial, no sentido de que sempre hai ambigüidade en toda a xestión de proxectos e poñen o foco na utilidade e nas persoas antes que na documentación e os procesos.
Nos nosos 20 anos de vida vimos como esta metodoloxía, ou as súas variacións e adaptacións, implantouse con éxito na maioría das empresas do sector TIC, por non dicir en todas.
-Pódese dicir que subministrades un tipo de formación que facilita o día a día das e dos traballadores do sector TIC e que, en consecuencia, mellorades a súa calidade de vida profesional e persoal?
-Un dos nosos principais obxectivos e propósitos cando se fundou Vitae, e que o deixamos reflectido na nosa páxina web, é a mellora da calidade de vida profesional e persoal, con formacións especializadas, innovadoras e humanas, pois a especialización mellora o rendemento e reduce a tensión, a innovación optimiza os postos de traballo e con iso redúcese a frustración e favorécese o éxito profesional e persoal, e a humana mellora a relación coa contorna profesional reducindo os conflitos.
-Cara a onde se dirixe Vitae a curto, medio e longo prazo? Como será o día de mañá da consultora?
-A nosa dirección é ser un referente a nivel galego en Recursos Humanos dentro do sector TIC, sobre todo, en formación e en selección.
En selección estamos a mellorar a nosa metodoloxía coa base científica da psicoloxía do traballo máis moderna e actual, tamén estamos a aplicar a IA nos nosos procesos coa base científica anteriormente mencionada. Con isto, conseguimos que desde 2016 teñamos un 100% de éxito en todos os procesos de selección. Nos nosos 20 anos chegamos a entrevistar a máis de 15.000 profesionais.
En formación, a medio e longo prazo, seguiremos tentando proporcionar a máxima utilidade e calidade aos nosos clientes. Este é o noso obxectivo e para conseguilo, estamos a mellorar a selección dos mellores formadores e consultores, algo propio do ADN de Vitae. Nos nosos 20 anos chegamos a formar a máis de 39.000 profesionais.
