Dos Espacios aplicará a súa longa experiencia en consultoría turística no impulso de TurisTalent 5.0

xoves, 8 de maio do 2025 S. P.

Esta semana confirmouse que a empresa tecnolóxica galega Dos Espacios, con sede principal en Vilagarcía de Arousa, será a encargada de xestionar a nova aceleradora de proxectos turísticos innovadores do Concello de Lugo, TurisTalent 5.0. Na presentación do proxecto a compañía de Vilagarcía lembrou a súa longa experiencia neste ámbito, de feito deseñou e executou as dúas primeiras edicións da primeira aceleradora de startups turísticas da Xunta de Galicia, Turislab.
O director executivo (CEO) de Dos Espacios, Santiago Paz, participou na reunión de lanzamento do programa. A firma arousá foi a empresa seleccionada entre as seis propostas presentadas, cuxas ofertas técnicas foron avaliadas por un comité de expertos mixto, integrado por técnicos de diferentes departamentos municipais e da Universidade de Santiago de Compostela.
O programa de aceleración, denominado TurisTalent 5.0, está impulsado pola Concellería de Dinamización Económica do Concello de Lugo e busca “dinamizar o emprendemento nos sectores turístico e gastronómico mediante a formación, o asesoramento e o mentoring de proxectos cun alto compoñente innovador”.
A aceleradora desenvolverase durante 9 meses, nos que os proxectos participantes recibirán formación especializada, asesoramento técnico e apoio na procura de financiamento.
O equipo de Dos Espacios posúe unha ampla experiencia neste ámbito: realizou o deseño integral da primeira aceleradora de proxectos turísticos da Xunta de Galicia, Turislab, que ademais xestionou durante os seus dúas primeiras edicións con gran éxito de participación e resultados.
Con sede central en Vilagarcía de Arousa e delegacións en Santiago de Compostela e Madrid, a firma posúe unha ampla bagaxe na prestación de servizos especializados en consultoría turística e tecnoloxía aplicada a este sector: elaboración de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, diagnóstico e plan de acción en Destinos Turísticos Intelixentes (DTI), xestión do dato turístico e sistemas de predición, posta en valor de recursos turísticos (Realidade Aumentada, Virtual e metaverso) promoción de destinos nacionais e internacionais, identificación de novas oportunidades de negocio, deseño, e creación e organización de produto turístico, entre outros eixos de actuación.