Dos Espacios contribúe á transformación tecnolóxica do Hotel Montes de Santiago

martes, 23 de setembro do 2025 S. P.

O Hotel Montes, situado en Santiago, finalizou con éxito o proxecto de modernización dixital financiado a través do programa Última Milla do Ministerio de Industria e Turismo, con fondos europeos Next Generation EU. O establecemento foi beneficiario dunha axuda de 46.978€, destinada a impulsar o seu proceso de dixitalización. Esta axuda permitiu implantar da man da firma galega Dos Espacios Internet Consulting HostTurisTech unha solución dixital integral orientada a impulsar a competitividade no sector turístico.
A ferramenta centraliza nunha única plataforma servizos como o check-in autónomo, a xestión de pagos móbiles, a sinatura electrónica e a integración con sistemas oficiais de rexistro e xestión hoteleira.
A firma Dos Espacios, con sede en Vilagarcía, informou que “o sistema tamén achega servizos diferenciais como a notificación instantánea de incidencias, a xestión de obxectos esquecidos ou a posibilidade de que os hóspedes accedan a guías de viaxe personalizadas con recomendacións locais”.
A empresa tecnolóxica conclúe salientando que este salto tecnolóxico “posiciona ao hotel como un referente en innovación, reforzando a súa reputación como establecemento moderno e adaptado ás tendencias do mercado”. Ao mesmo tempo, mellora a rendibilidade empresarial ao optimizar procesos e fidelizar a clientes cada vez máis dixitais.
O Ministerio de Industria e Turismo lanzou a segunda convocatoria de axudas de Última Milla dirixida a empresas, preferentemente pemes, para o desenvolvemento de proxectos innovadores de base tecnolóxica. A convocatoria enmárcase no investimento 2, proxecto 2 do compoñente 14 Plan de modernización e competitividade do sector turístico, contribuíndo ao cumprimento dos obxectivos asociados á mesma, de acordo coa normativa reguladora do mecanismo de recuperación e resiliencia e do Plan de Recuperación a nivel europeo e nacional.