Dos Espacios implanta a que sería a 1ª solución de Destino Turístico Intelixente no Camiño de Santiago
venres, 20 de setembro do 2024
A compañía Dos Espacios, con sede en Vilagarcía, vén de implantar unha solución de Destino Turístico Intelixente (DTI) no Camiño de Santiago. Trátase dun innovador proxecto de dixitalización do Camino Francés que permitirá extraer datos de fluxos de visitantes en tempo real. En palabras da empresa, Dos Espacios teríase posicionado con este proxecto como o primeiro provedor de DTI no itinerario xacobeo.
O proxecto, denominado Camino 360º aplicarase na área de influencia da Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés (Arzúa, Melide, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, O Pino, Portomarín, Samos, Sarria e Triacastela), así como en catro concellos de León (Camponaraya, Trabadelo, Vega de Valcarce e Villafranca del Bierzo) e presentouse este 19 de setembro na Casa de Galicia en Madrid coa participación dos alcaldes e alcaldesas das localidades polas que transcorre este roteiro; así como do CEO (director executivo) de Dos Espacios, Santiago Paz Noya.
O CEO da empresa galega indicou que estamos ante “unha Plataforma Turística Intelixente, desenvolvida coa colaboración de Telefónica, que implantará nos quince concellos a principal ferramenta da Mancomunidade para a xestión e o coñecemento do turismo na súa área de influencia; un sistema de control de fluxos turísticos, un sistema de alerta temperá da variación de fluxos de peregrinos; a virtualización e escaneo 360º de bens patrimoniais culturais, artísticos e naturais; un sistema de cartelería dixital nas oficinas de turismo, un portal web público e unha aplicación móbil; así como un módulo de enquisas en destino para coñecer o grao de satisfacción e a experiencia real de visitantes e cidadanía”.
Camiño 360º conta co apoio da Sociedade Mercantil Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR) e está financiado no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea, con fondos Next Generation EU.
Dos Espacios tamén lembra que se trata dunha das 30 empresas seleccionadas por Telefónica, a única galega, para integrar o seu Hub de Innovación Turística (HIT), a través do que prestará apoio e soporte técnico experto a Destinos Turísticos Intelixentes, administracións públicas e empresas deste sector.