Dos Espacios presenta as súas solucións para o sector turístico no Tourism Innovation Summit
xoves, 24 de outubro do 2024
A compañía arousá Dos Espacios, especializada no sector TurisTech, participa desde este mércores 23 de outubro até este venres 25 no evento Tourism Innovation Summit (TIS) 2024, que se celebra no palacio de Congresos de Sevilla. Alí, a firma tecnolóxica de Vilagarcía dará a coñecer as solucións tecnolóxicas que ofrece ao sector turístico. A empresa fixo saber que o TIS é “unha contorna única para mostrar as solucións tecnolóxicas máis innovadoras para o sector do turismo”. Durante tres días, reúne a máis de 7.000 profesionais da industria, máis de 400 relatores e expertos internacionais e máis de 200 firmas expositoras.
Dos Espacios dará a coñecer neste encontro solucións avanzadas como o seu software para a xestión de servizos de Destinos Turísticos Intelixentes, personalizábel e con capacidade para ser adaptado á dimensión do destino. Tamén debullará os detalles dos seus servizos de intelixencia turística baseados en IA, tecnoloxía Big Data, Internet das Cousas (IoT), automatización de procesos ou xestión de fluxos turísticos; e das súas solucións de xestión intelixente de aloxamentos turísticos e tecnoloxías para a posta en valor de elementos turísticos baseadas en Realidade Aumentada e Realidade Virtual, entre outras contribucións.
Presentación do HIT de Telefónica
Nesta primeira xornada do TIS, a empresa galega participou na presentación do Hub de Innovación Turística (HIT) de Telefónica, do que forma parte e a través do cal prestará apoio e soporte técnico experto a Destinos Turísticos Intelixentes, administracións públicas e empresas deste sector. O obxectivo do Hub de Telefónica é “acelerar a dixitalización dos destinos turísticos, cooperando para ofrecer ao visitante unha experiencia personalizada en todas as fases da súa viaxe; xerar información de utilidade que se poida compartir a nivel nacional grazas á construción dun gran datalake con datos do sector e fomentar a colaboración e a innovación para lograr un turismo sostíbel”.