Dous doutorandos da USC, premiados no Congreso Galego de Estatística

xoves, 9 de novembro do 2017 Redacción

O Campus de Ferrol acolleu os días pasados a 13 edición do Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, organizado polo departamento de Matemáticas da Universidade da Coruña a petición da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións (SGAPEIO), contándose coa colaboración directa do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Coruña. No congreso, que tivo o obxectivo de contribuír á divulgación dos avances na teoría e nas aplicacións da estatística e a investigación de operacións, houbo conferencias, mesas redondas, obradoiros, comunicacións e máis premios. Respecto destes últimos, os galardóns ás mellores comunicacións foron dar aos doutorandos da Universidade de Santiago, Jorge Rodríguez Veiga e Isabel Borrajo García.
Segundo informa a USC, o premio á mellor comunicación aplicada foi para o traballo Un modelo de programación matemática para a selección e asignación temporal de recursos aéreos destinados á contención dun incendio forestal de Jorge Rodríguez Veiga e da que son coautoras Balbina Virginia Casas Méndez e María José Ginzo Villamayor, tamén da USC. No traballo proponse un modelo de optimización matemática para seleccionar os recursos necesarios na extinción de incendios, así como a asignación das tarefas que as aeronaves realizarán en cada instante.
Pola súa banda, a mellor comunicación teórica foi a de María Isabel Borrajo García polo traballo Characterization of point processes with covariates through the first-order intensity function da que tamén son autores Wenceslao González Manteiga, da USC, e María Dolores Martínez Miranda, da Universidade de Granada. No seu traballo subministra dúas achegas ao ámbito da inferencia estatística en procesos puntuais: estimación e contraste da función de intensidade empregando co-variábeis.
Tanto Rodríguez Veiga como Borrajo García son estudantes de doutoramento no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da Facultade de Matemáticas da USC, baixo a dirección de Balbina Casas e Wenceslao González e María Dolores Martínez. A cada unha das dúas comunicacións premiadas correspondeulles un premio en metálico de 500€.

PUBLICIDADE