Dous estudantes da UVigo premiados pola comunidade estatal de enxeñeiros de Telecomunicación

luns, 17 de xuño do 2019 Redacción

O Colexio Oficial e a Asociación Española de Enxeñeiros de Telecomunicación (entidades profesionais estatais) veñen de recoñecer a traxectoria e contribucións de dous estudantes da Universidade de Vigo, Vlad Darau e Pablo Fondo, investigadores de AtlantTIC (UVigo). Darau e Fondo recibiron cadanseus galardóns en Madrid o pasado 14 de xuño.
Pablo recibiu o Premio Huawei á mellor traxectoria académica polos éxitos acadados durante os seus estudos de grao e mestrado. Vlad Darau, pola súa parte, foi distinguido co Premio Airbus Secure Land Communications ao mellor traballo fin de mestado en comunicacións seguras e ciberseguridade (pola súa investigación Temporal localization of videos based on massive ENF processing).
Os galardóns veñen da man de dúas entidades estatais: o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación (COIT) e a Asociación Española de Enxeñeiros de Telecomunicación (AEIT). Fondo é estudante do programa de Doutoramento en Tecnoloxías da Información e Comunicacións e Darau, ex alumno da EE de Telecomunicación e membro actual do Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia. “É un orgullo para min ser galardoado con este premio que recoñece o esforzo realizado durante toda a carreira”, comentou o estudante, a quen o seu director de tese, Felipe Gil, animou a presentarse ao galardón do COIT-AEIT. O estudante da UVigo percibirá polo Premio Huawei á mellor traxectoria académica 1.000 euros e un ano de subscrición ao COIT e a AEIT.
Pola súa banda, Vlad Dragos Darau considera que a dita distinción “é unha excelente oportunidade para coñecer máis de preto, tanto o conxunto de empresas Airbus, unha marca de referencia para a UE no mundo, á vez que podería supoñer novas portas abertas a oportunidades no sector da enxeñaría aeroespacial, no que estou a traballar desde este ano”.
Darau, que chegou á UVigo no último ano de carreira como estudante de intercambio Erasmus + desde a Universitatea Politehnica de Timisoara (Romanía), incide en que no seu traballo de investigación, desenvolvido en AtlantTIC, contou coas achegas dos seus compañeiros do grupo GPSC, polo que “o premio é o resultado dun traballo en grupo moi ben feito, e polo tanto, o premio é mérito de todos os que contribuíron a el e que merecen os créditos”, asegura.
O seu traballo fin de mestrado, dirixido polo catedrático Fernando Pérez, estuda a localización temporal dunha gravación de vídeo: o momento no que se produciu a gravación, coa axuda do pestanexo da luz artificial. O investigador percibirá 1000 euros e un diploma como galardón.

PUBLICIDADE