Dous estudantes de Publicidade e RRPP do Campus de Pontevedra, finalistas do concurso Efecto Mil
mércores, 6 de maio do 2026

- Estíbaliz Bárcena e Fernando David Bautista, finalistas do certame
Promover nas novas xeracións un pensamento crítico sobre o uso das redes sociais é o obxectivo de Efecto Mil, un concurso promovido pola Fundación Atresmedia, coa colaboración da Fundación Telefónica, que xa vai pola súa quinta edición. Este certame está pensado para mozos e mozas de entre 16 e 25 anos e, desta volta, contou con máis de 900 participantes, aos que se convidaba a abordar diferentes riscos dixitais que afectan a súa contorna, a través de vídeos de curta duración, o que levou aos estudantes do Grao en Publicidade e Relacións Públicas a centrarse, explican, “no uso abusivo e a adicción ás redes sociais”.
#Noteaplatanes é o título do vídeo que converteu aos estudantes da Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra (UVigo) Estíbaliz Bárcena e Fernando David Bautista en finalistas de Efecto Mil.
Indo á peza gañadora, realizada como traballo para a materia Produción publicitaria na web e multimedia, impartida polo profesor Alberto Dafonte, foi seleccionada como unha das 15 finalistas deste encontro, o que permite ademais que Bárcena e Bautista participen nestas semanas nun programa formativo promovido por Atresmedia. “Ser elixidos entre centos de vídeos é unha oportunidade para dar visibilidade á nosa creatividade e pon en valor o noso talento e traballo”, salientan da súa selección nun concurso que viu incrementada nun 16% a súa participación respecto da edición anterior, na que outros dous traballos realizados na facultade acadaron o pase á final.
Os promotores de Efecto Mil convidaban á mocidade a realizar vídeos cunha duración máxima dun minuto, concibidos para as redes sociais, que abordasen cuestións como a adicción a estas plataformas, os discursos de odio, os perigos dos retos virais, o ciberacoso ou a difusión de novas falsas. Partindo desta premisa, Bautista e Bárcena optaron pola adicción ás redes sociais “porque é o que máis vemos día a día. Preocúpanos o xeito que teñen as persoas de relacionarse e a súa dependencia das redes sociais como busca de dopamina”, recoñecen.
Tomaron como punto de partida o feito de que “os seres humanos compartimos arredor do 60% do mesmo material xenético”, coa idea de chamar a atención, aínda que “obviamente o que temos en común son cousas moi básicas da existencia”, pero tamén para artellar a peza arredor da idea de “estar aplatanado”. Deste xeito, sinalan, buscaron promover unha reflexión sobre o uso abusivo destas plataformas “dunha maneira moi creativa e enxeñosa”, conectando esta frase cos “síntomas da adicción ás redes sociais”, nunha peza que busca reflectir “a vida dun mozo no seu día a día se continuamente está empregando o teléfono”.
Segundo informou a organización, tanto a capacidade dos vídeos “para sensibilizar e xerar reflexión”, como a súa creatividade e calidade técnica e o seu “potencial de difusión” formaron parte dos criterios para escoller as pezas finalistas. Esta selección permite aos seus autores e autoras participar nunha formación virtual impartida por profesionais de Atresmedia e centrada en áreas como creatividade, guión, márketing de contidos, redes sociais, ciberseguridade ou alfabetización mediática. Esta formación, explican os estudantes da Facultade de Comunicación, combínase á súa vez con “titorías nas que van revisando o proxecto e vendo os nosos avances”, posto que, ao longo deste período, as e os finalistas traballarán tamén na reedición do seu vídeo, coa idea de “intentar melloralo da mellor maneira posible e despois difundilo en redes sociais para que se faga viral”, explican Bárcena e Bautista.
Emporiso, logo desta fase formativa, as e os finalistas terán que compartir as súas pezas, “buscando maximizar o impacto dos seus contidos e chegar ao maior público posible”, sinalan desde a organización. De feito, a repercusión acadada por cada vídeo será un dos factores que determinará aos gañadores e gañadoras do concurso. O equipo gañador será galardoado cun pack tecnolóxico valorado en 3000 euros e coa súa participación nun curso práctico de habilidades de comunicación, mentres que outro dos traballos será recoñecido cunha mención especial, galardoada cunha experiencia formativa e divulgativa por parte da Fundación Telefónica.
