Dous mozos galegos achegan unha aplicación en Facebook para compartirmos coche

luns, 5 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

Para as lectoras e lectores de Código Cero que estean a proxectar nas súas vidas meterse no coche de alguén para aforrar custes de desprazamento, ou ben meter no automóbil propio a quen comparta destino, dicirlles que vén de saír do forno unha aplicación á súa medida: Wydme. Trátase dunha ferramenta desenvolvida por dous mozos galegos, lanzada para que se lle tire proveito en Facebook e co obxectivo de apoiarse nesta rede para asegurar que o condutor ou acompañante requirido é de confianza. De feito, segundo apuntan os seus creadores, grazas á dita rede social buscaremos coche nin máis nin menos que entre os nosos amigos. Ao pouco de pórse en marcha, a aplicación xa conta con 400 seareiros.
Wydme, que resume no seu nome a pregunta Would you drive me? (algo como Conduciríasme?), pon en xogo, amais das súas evidentes vantaxes nun país coma o noso (un país onde a disposición poboacional, tan dispersa, obriga a desprazamentos constantes), un funcionamento “intuitivo e moi claro”, segundo apuntan os seus creadores, Andrés Cámera e Carlos Martínez.
Isto déixanos marxe para que, sendo usuarios de Facebook, creemos ou atendamos unha petición de viaxe para un día sinalado, ou ben procuremos directamente se hai algunha viaxe xa creada que lle acaia ben ás nosas necesidades. E sempre co engadido de empregarmos os circuítos de confianza: neste caso concreto o dos amigos de Facebook. “Por cada un deles”, informan Andrés e Carlos, “hai unha listaxe coas peticións de desprazamento ou desprazamentos xa creados nas que se pode buscar por orixe, por destino ou por data”. A aplicación, como era de agardar, vai medrando cada día que pasa, proceso que se vai acelerar coa posibilidade de incluír peticións-viaxes de amigos de amigos, engadir comentarios ou enviar convites personalizados. Wydme foi creada, como dixemos, por Andrés Cámera (enxeñeiro informático pola Universidade de Santiago que traballa arestora en Madrid) e o deseño corre a cargo de Carlos Martínez, arquitecto formado na Universidade Europea de Madrid.

PUBLICIDADE