Dous novos graduados do Fab Academy 2025 en A Industriosa de Vigo
luns, 23 de xuño do 2025
O laboratorio tecnolóxico cidadán A Industriosa en Vigo está de celebración. Segundo compartiu o equipo deste centro maker vigués, o seu nodo oficial de Fab Academy (o primeiro de Galicia) saldouse con notable éxito. Ao abeiro desta innovadora experiencia formativa coordinada pola Industriosa, os makers Pepe Vázquez e Francisco Ruz, alumnos do nodo e profesores da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC), veñen de graduarse con éxito no programa Fab Academy 2025.
Ao longo de 20 semanas intensivas, desenvolveron competencias en deseño, fabricación dixital, programación e electrónica, completando tamén os seus proxectos finais con excelente calidade técnica e pedagóxica.
Segundo informou o centro vigués, a participación de Pepe Vázquez e Francisco Ruz marca un fito importante: o comezo do Fab Lab na ETSAC e o fortalecemento da rede de fabricación dixital en Galicia, “cunha clara vocación educativa e aberta á innovación”.
A Industriosa tamén agradeceu o labor de Luis Díaz-Faes, que actuou como instrutor local, acompañando o proceso con dedicación e compromiso.
Podemos ver os proxectos e a documentación xerada na web da Fab Academy, na sección adicada a Pepe Vázquez e na de Francisco Ruz.
Como lembraremos, a Asociación Tecnolóxica A Industriosa converteuse en 2024 nun dos centros formativos do curso internacional de fabricación dixital Fab Academy, prestixiosa formación internacional de fabricación dixital coordinada polo director do Centro de Bits e Átomos do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts.
O curso Fab Academy está dirixido por Neil Gershenfeld, o director do Centro de Bits e Átomos do MIT (o Instituto Tecnolóxico de Massachussets) e principal impulsor do movemento mundial do faino ti (espírito maker) aproveitando a potencia da computación e as máquinas controladas por computador, como poden ser as impresoras 3D, as fresadoras CNC (de Control Numérico Computerizado), as cortadoras láser e as de vinilo.
