Dous proxectos intelixentes de Santiago gañan o concurso de emprendemento xuvenil de AGEF e Afundación
mércores, 6 de maio do 2026
Dous proxectos tecnolóxicos de impacto social do CIFP Politécnico de Santiago e do Colexio San José de Cluny, ambos de Santiago de Compostela, resultaron gañadores do concurso Emprender é soñar, apúntaste?, organizado pola Asociación Galega de Empresa Familiar (AGEF) e Afundación no marco do programa de emprendemento Empresa familiar nas aulas.
O Colexio San José de Cluny gañou na categoría de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e FP de Grao Básico co proxecto de plataforma de seguridade dixital SafeSphere, deseñada por un grupo de catro alumnos de 4º de ESO. A solución combina tecnoloxías avanzadas de ciberseguridade, verificación de información e IA, co obxectivo de protexer a usuarios, familias e organizacións contra ameazas informáticas, a desinformación e comportamentos daniños en liña.
Pola súa banda, o premio de Bacharelato e Formación Profesional de Grao Medio e Superior recaeu no proxecto MECADRON, desenvolvido por cinco estudantes de 1º do Ciclo Formativo de Grao Superior de Mecatrónica Industrial do Politécnico de Santiago de Compostela. Trátase dunha solución de loxística intelixente para a repartición de paquetería con drons autónomos, guiados por intelixencia artificial, con garantía de entrega ultrarrápida, en menos de 30 minutos.
Xunto aos dous gañadores, resultaron finalistas na categoría de ESO e FP de Grao Básico os proxectos Zampa, do Colexio San José de Cluny, de Santiago de Compostela; EmployMe, do Colexio Losada, de Vigo; e SpeakEasy, do IES Xoán Montes, de Lugo.
Os proxectos finalistas da categoría de Bacharelato e FP de Grao Medio e Superior foron Carmiña, do IES A Sangriña, da Guarda e REFU, do IES Alexandre Bóveda, de Vigo.
Nesta edición presentáronse ao concurso 53 proxectos tecnolóxicos de impacto social, 20 máis que en 2025, desenvolvidos por un total de 283 alumnos de trece centros educativos galegos.
O certame pon fin á sexta edición do programa Empresa familiar nas aulas, no que participaron máis de 1000 alumnos de toda Galicia e 21 empresas socias de AGEF, e que naceu co obxectivo de reforzar as vocacións e o espírito emprendedor entre os máis novos e achegar o mundo da empresa ás aulas.
O programa incluíu charlas de sensibilización de directivos de empresas familiares en centros educativos, visitas dos estudantes ás compañías participantes e un obradoiro práctico de emprendemento sobre tecnoloxía con impacto na sociedade, no que participaron 470 alumnos dunha quincena de institutos.
O xurado, integrado por José Bernardo Silveira Martín, presidente de AGEF; Pedro Otero, director xerente de Afundación; Luis Otero, director da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Santiago de Compostela; Rosa Rodríguez Gutiérrez, administradora de Espina & Delfín; Margarita Hermo, directora de AGEF, e Carlota Sánchez-Montaña, coordinadora adxunta de Educación de Afundación, valorou as ideas, o produto final, o traballo en equipo e as habilidades de comunicación dos participantes.
O presidente de AGEF, José Bernardo Silveira, felicitou aos estudantes pola súa motivación e pola gran calidade de todos os proxectos presentados: “O meu máis sinceros parabéns, porque captastes á perfección os obxectivos e o propósito deste concurso, aplicando ás vosas propias ideas de futuro os coñecementos teóricos e prácticos aprendidos nos talleres de emprendemento, para crear solucións tecnolóxicas con verdadeiro impacto na sociedade»”.
Pola súa banda, Pedro Otero, director xerente de Afundación, destacou a importancia da colaboración con AGEF para o desenvolvemento dun programa de primeiro nivel: “Resúltanos moi gratificante comprobar, cada ano, o bo resultado dun proxecto que ten como obxectivo recoñecer o papel da empresa familiar na economía e a sociedade, e os valores que implica”.
