Dous traballos da UVigo, finalistas dun concurso sobre os perigos dixitais que afectan á mocidade

martes, 20 de maio do 2025 S. P.

Máis de 800 mozos e mozas presentáronse neste 2025 á cuarta edición de Efecto Mil, un concurso promovido pola Fundación Atresmedia, coa colaboración da Fundación Telefónica, que ten como obxectivo impulsar un bo uso das redes sociais entre a mocidade e sensibilizala respecto dos “riscos dixitais” aos que enfronta no seu día a día. Aberto á participación de persoas de entre 16 e 25 anos, este certame propuña abordar estas cuestións a través de vídeos de curta duración, ideados para as redes sociais. De entre todas as propostas presentadas, a organización seleccionou dez vídeos finalistas, entre os que se atopan dous traballos realizados por estudantes da Facultade de Comunicación, centrados nos perigos da difusión de noticias falsas e da adicción ás redes sociais.
Raquel Dopazo e Enoc Fernández, con Noticias que impactan, e Nuria Sabín e Verónica Sobral, con Life Wrapped, son as e o responsable destes dous vídeos finalistas, nacidos como traballos para unha materia do Grao en Publicidade e Relacións Públicas. Segundo informaron fontes do Campus, “a súa selección permítelles tomar parte nestas semanas nun curso virtual sobre produción e difusión de vídeos en redes sociais, previo a unha fase final na que deberán tratar de converter en virais os seus vídeos”.
Nesta cuarta edición de Efecto Mil, propúñase aos participantes a creación de vídeos de ata un minuto de duración que puxesen o foco en cuestións como “os perigos dos retos virais, o acoso nas redes sociais, o discurso do odio, as noticias falsas e a adicción ás redes sociais”.
“Ser finalistas é unha oportunidade moi boa, xa que temos a sorte de estar recibindo unha formación por parte da Fundación Atresmedia para axudarnos a impulsar a difusión do noso proxecto na próxima fase do concurso”, sinalan Dopazo e Fernández. Estes dous estudantes lograron o pase final cun vídeo no que presentan unha serie de exemplos da vida cotiá, que van desde mirar a data de caducidade dos alimentos ata “comprobar se temos as chaves antes de saír”, para incidir en que se ben as persoas comproban moitas das accións que realizan no seu día a día, logo “compartimos o que vemos na rede sen pensalo”. O seu obxectivo era elaborar unha peza que convidase “a reflexionar sobre a importancia de “verificar as noticias antes de compartilas”, amosan que “unha noticia falsa pode ter tamén consecuencias reais”.
Sabín e Sobral optaron por centrarse “no que consideramos un dos riscos máis normalizados e menos cuestionados” pola mocidade, “a gran cantidade de tempo que investimos nas redes sociais, moitas veces sen ser conscientes” explican. A súa idea foi presentar este feito, desde a ironía, como “un tipo de adicción silenciosa, que se disfraza de entretemento”, inspirándose no formato de Spotify Wrapped, que ofrece un “resumo anual” da música máis escoitada por cada persoa usuaria. Deste xeito, no seu vídeo buscaron pór de relevo como “de media, pasamos 2257 horas ao ano en aplicacións como Instagram ou TikTok”, para logo presentar unha serie de exemplos “cousas que poderíamos ter feito” nese mesmo tempo.