Droid X360, un dispositivo con Android disfrazado de PS Vita

martes, 24 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Non é ningunha novidade que dende China cheguen dispositivos que en aparencia imiten a unha consola de videoxogos actual, pero que despois resulten ser plataformas de lecer electrónico moito máis sinxelas pero atractivas para certo público por permitir a reprodución de emuladores de consolas e recreativas clásicas, e nesta liña temos agora a Droid X360, que é un dispositivo que adopta a aparencia externa dunha PS Vita aínda que realmente é un terminal con Android 4.0.4 que facilita xogar a numerosos emuladores.

Pese a parecer unha consola portátil de Sony, realmente estamos ante un terminal con Android 4.0.4

A Droid X360 ten un procesador a 1,5 GHz, 512 Mb de RAM, gráfica Mali 400, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria), unha pantalla capacitiva de 5 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, saída HDMI, mini USB, cámaras de 0,3 e 2 Mpíxeles e unha batería de 2.800 mAh.
Loxicamente este dispositivo serve para as funcións típicas dun móbil con Android (agás que non permite falar por teléfono), pero a meirande parte dos usuarios limitaranse a empregar no mesmo as aplicacións que facilitan botar partidas a xogos de Nintendo 64, a primeira PlayStation, Game Boy Advance, Game Boy Color, NES, Super Nintendo, Megadrive e Game Gear, como podemos ver no seguinte vídeo:

PUBLICIDADE