Dúas ducias de directivos participan dende esta semana no programa Aceleratech de AMTEGA

martes, 20 de outubro do 2020 Sonia Pena

Un total de 25 profesionais, directivos de pequenas e medianas empresas de distintos sectores, van participar (dende este mércores 21 de outubro até o 20 de novembro) no programa formativo AceleraTech, impulsando a transición dixital, que desenvolve a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración con IESIDE, o Instituto de Educación Superior da Obra Social de Abanca.
A iniciativa está dirixida principalmente a persoal directivo, xerentes e propietarias/os de empresas, xa que, segundo se especifica nas bases do programa, “estas son as persoas con capacidade de decisión e as que poden impulsar e liderar unha transformación tecnolóxica real destas”.
Aceleratech é un programa de difusión, sensibilización e formación orientado a que as pemes galegas e os seus directivos “coñezan algunhas das novas tendencias tecnolóxicas máis relevantes e os beneficios e condicionantes necesarios para a súa translación á estratexia, estrutura e modelos de negocios das pemes”.
O programa estenderase ao longo de cinco sesións formativas e un obradoiro final. As temáticas das sesións versarán sobre os seguintes aspectos: A competencia na era dos negocios dixitais; Big Data, Data Science e Intelixencia Artificial; Internet of the Things e 5G; Blockchain; Ciberseguridade; e Construíndo a transformación dixital da peme: taller Lego® Serious Play®.
A sesión de ciberseguridade enmárcase no contexto do nodo de ciberseguridade CIBER.gal, estrutura de cooperación que implica ao conxunto de Administracións Públicas do territorio galego nesta materia, e en coordinación coas organizacións de referencia a nivel nacional, INCIBE e CCN para o desenvolvemento de actividades que permitan concienciar e capacitar á cidadanía, ás empresas e ás administracións públicas de Galicia en relación á ciberseguridade co obxectivo de garantir unha contorna dixital segura e afrontar de maneira colaborativa os retos neste eido.

PUBLICIDADE