Dúbidas sobre as vendas da Wii U nos EE.UU.

luns, 14 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

A mediados de novembro, un pouco antes da chegada ás tendas norteamericanas da Wii U, dende a cadea de tendas GameStop chegaron a comentar que tiñan unha listaxe de espera de preto de 500.000 persoas que pretendían adquirir a nova consola doméstica de Nintendo, á vez que advertían que as existencias serían limitadas como unha estratexia de venda que noutras ocasións ten acadado bos froitos, pero que vén de quedar en evidencia despois de que a compañía anunciase aos seus investidores que nos meses de novembro e decembro venderon 320.000 Wii U, cantidade moi por debaixo do medio millón.
Agora dende GameStop negan a maior, intentando desculpar a discrepancia citando distintos proxeccións de mercado que pouco teñen que ver co asunto, o que parece ser a tónica no que a comunicación sobre a Wii U se refire, pois Nintendo tamén aseguraba que a súa edición Deluxe estba practicamente esgotada durante o Nadal, o que calquera podía comprobar que era falso en calquera lado do Atlántico e, aínda que a edición estándar vendeu moito menos do agardado, a edición máis completa non tivo problemas de dispoñibilidade agás en cadeas de tendas cunha política de vendas moi discutible (como parece ser o caso de GameStop nos EE.UU.).
A chegada da Wii U ao mercado norteamericano foi peor do agardado, pois nos 2 últimos meses de 2012 tería vendido nos EE.UU. só 890.000 unidades, mentres que a anterior Wii superaría os 1.080.000 millóns. Ás consolas que si superou en vendas a Wii U foi á PS3 (con preto de 700.000 unidades vendidas) e a Xbox 360 (cunhas 600.000 consolas), o que non debería sorprender, pois estariamos ante consolas que están na fin do seu ciclo de vida (de xeito que xa están presentes nos fogares da meirande parte dos xogadores habituais, mentres que a Wii U acaba de nacer).

PUBLICIDADE