É-Saúde xa conta cunha comunidade de 26.000 persoas

luns, 17 de xullo do 2017 Redacción

A Consellería de Sanidade vén de facer reconto das persoas que arestora son usuarias da plataforma dixital É-Saúde, dirixida a poñer ao alcance da cidadanía as vantaxes da Administración Electrónica en materia sanitaria (achegando servizos interactivos e contidos personalizados de saúde dende os seus dispositivos conectado a Internet). Segundo explica a Consellería, a dita “comunidade” está formada xa por máis de 26.000 persoas. Ademais, conéctanse cada entre 2.500 e 3.500 usuarios.
A plataforma, nun ámbito máis concreto, fornece á cidadanía de cousas como consultar e xestionar as súas citas, revisar a súa folla de tratamentos ou recibir os informes de TAO, de alta, de probas diagnósticas ou do calendario de vacinacións infantís.
Tamén permite acceder á axenda de citas en atención primaria ou especializada actualizada, posibilitando completala con citas e eventos persoais. A plataforma, ademais, brinda acceso a todos os cursos de formación da Escola Galega de Saúde para Cidadáns e dos cursos desenvolvidos polas asociacións de pacientes. Asemade, permite que as familias (nais, pais, titores), no caso dos menores de idade, accedan no nome dos titulares aos servizos telemáticos personalizados que se ofrecen neste dispositivo (trátase do acceso delegado, que xa foi solicitado por 477 pacientes, e que fai realidade a xestión directa e áxil dos procesos de saúde dun persoa a través dun terceiro autorizado para o efecto).

PUBLICIDADE