É posible que Ioda e Darth Vader poidan baterse en Soul Calibur IV

luns, 28 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Imaxe filtrada á web na que se ve a Ioda e a Darth Vader coma personaxes seleccionables do mesmo xogo

Esta semana chega ás tendas (mañá a EE.UU. e o xoves a Europa) o agardado xogo Soul Calibur IV para as plataformas Xbox 360 e PS3, o que recibirán cos brazos abertos tanto os seguidores dos títulos desta saga de loita coma os afeccionados ás películas de Star Wars, pois esta nova entrega incorporará coma personaxes a Ioda, Darth Vader e ao Aprendiz segredo deste último (e protagonista do xogo Star Wars: The Force Unleashed, que poderemos ver despois do verán).
A incorporación dos personaxes de Star Wars ao xogo resulta un tanto polémica, en boa medida porque se fai por separado, de xeito que Ioda aparecerá na versión de Xbox 360 e Darth Vader na de PS3, pero varias imaxes e mesmo un vídeo publicados na Internet dan a entender de que a exclusividade dos personaxes se podería superar (probablemente coma descarga). Non hai nada confirmado ao respecto e, de feito, Namco pediu a retirada do material de varias páxinas web, pero a posibilidade de poder enfrontar a Ioda con Darth Vader parece moi alta (de non ser así resultaría decepcionante).
Pero se deixamos a un lado os personaxes cinematográficos, Soul Calibur IV será un grande xogo de loita para as consolas de alta definición, que contará con varios modos de xogo (historia, arcade, a Torre das Almas Perdidas, adestramento, creación de personaxes e museo) e sorprenderá polos seus detalles gráficos, que incluso reflectirán os danos no contorno e na roupa dos personaxes.


Vídeo de baixa calidade no que se pode ver aos dous personaxes loitando

PUBLICIDADE