EA Access será de balde para Xbox One entre o 12 e o 22 de xuño

mércores, 18 de maio do 2016 Marcus Fernández

O servizo EA Access para Xbox One ofrece por 3,99 euros/mes (ou 24,99 euros ano) un catálogo de xogos de Electronic Arts bastante atractivos, ofrecendo adicionalmente acceso anticipado aos novos lanzamentos da compañía e un 10% de desconto en compras dixitais, resultando unha opción ideal para usuarios que queiran gozar de certa diversidade de xogos sen ter que facer un grande investimento.
Por exemplo, actualmente EA Access ofrece títulos como NBA LIVE 16, FIFA 16, Battlefield Hardline, Dragon Age: Inquisition, Titanfall ou Need For Speed Rivals, o que para certos usuarios sería dabondo para poder tirar proveito da súa consola por un prezo moi axustado e, en vista de que esta oferta non resulta moi coñecida, os usuarios Gold de Xbox LIVE poderán gozar do servizo de balde entre os días 12 e 22 de xuño, para o que só terían que descargar a aplicación de EA Access na súa Xbox One.
Dado que o período promocional inclúe os días de celebración da feira E3 (do 14 ao 16 de xuño) podemos entender que Electronic Arts vai anunciar algún tipo de beta no E3 que poderá gozarse a través do seu servizo de subscrición, sendo así un efectivo reclamo para promocionar algún futuro lanzamento.

PUBLICIDADE