EA Sports prepara un xogo de golf en 3D para Facebook

xoves, 18 de novembro do 2010 Marcus Fernández

Os xogos de Facebook tenden a ser produtos con gráficos sinxelos e mecánicas dirixidas á comunicación cos amigos e á viralidade, pero Electronic Arts quere ir máis aló, e vén de anunciar que está a preparar PGA Tour Golf Challenge, un xogo de golf con gráficos tridimensionais en tempo real que será o primeiro deste tipo na plataforma social de Mark Zuckerberg. Aparte de conseguir meter a bola no burato no menor número de golpes posibles, o xogo tamén ofrecerá opcións sociais para competir e comparar resultados cos amigos, sendo tamén posible subir de nivel, superar novos desafíos diarios, personalizar o noso golfista mediante micro-pagamentos e todo contando cun sistema de control moi doado que será posible tanto co rato coma co teclado.
Andrew Wilson, vicepresidente senior de EA Sports, ao anunciar este novo título, engade que a súa compañía «é pioneira en novos xeitos de xogar a xogos en liña, ofrecendo experiencias de calidade que gustan a xogadores ocasionais e tradicionais por igual».

No xogo poderán mercarse produtos para personalizar ao noso personaxe

PUBLICIDADE