EA Sports prescindirá da marca FIFA

martes, 10 de maio do 2022 Marcus Fernández

Nos últimos anos a guerra dos videoxogos de fútbol saldouse cun clarísimo vencedor, o FIFA de EA Sports, que converteu o Pro Evolution Soccer nun título irrelevante (que foi a peor no seu relanzamento como eFootball), de aí que non lles tremese o pulso á hora de adoptar unha decisión moi drástica: prescindir da licenza da FIFA para os seus xogos. Deste xeito, aínda que este ano vaiamos ter EA Sports FIFA 23, en xullo de 2023 botará a andar unha nova era baixo a marca EA Sports FC.
EA Sports levaba empregando a licenza da FIFA dende finais de 1993, cando lanzaron o FIFA International Soccer de Mega Drive, que un ano despois tivo como secuela o FIFA 94 e que pouco a pouco foi mellorando até consolidarse como o principal xogo de fútbol, pero o feito de que a organización deportiva esixise máis de 1.000 millóns de dólares para renovar a licenza por 4 anos, xunto co feito de que limitaba considerablemente o uso que podía facerse da marca, levou a EA Sports a decidir cambiar o nome do seu grande xogo de fútbol, operación que probablemente non supoña ningunha perda a nivel de público (xa que o título na práctica carece de competencia) e si supón un importante aforro económico.
Cómpre lembrar que o acordo económico coa FIFA só incluía o uso da marca, non as licenzas dos diferentes clubs, ou sexa, que EA Sports conta con máis de 300 licenzas relativas ao fútbol, e que historicamente foron un dos puntos fortes desta serie de xogos.
EA Sports FC manterá todos os modos de xogo do FIFA, como o Ultimate Team, o modo Carreira, Clubes Pro e Fútbol VOLTA, cun catálogo de máis de 19.000 xogadores, máis de 700 equipos, máis de 100 estadios e 30 ligas, así como acordos exclusivos coa Premier League, LaLiga, a Bundesliga, Serie A e MLS.

PUBLICIDADE