EA distribuirá Green Day: Rock Band

xoves, 11 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

A saturación dos últimos meses provocou unha auténtica crise dentro do xénero dos xogos musicais, de xeito que neste momento parece haber unha auténtica seca con só un xogo das dúas franquías máis populares no horizonte (o Guitar Hero: Van Halen que sairá á venda a semana que vén), pero ao longo do ano agárdase unha leve recuperación, e compañías coma Electronic Arts parecen recuperar a súa confianza. Aínda que o acordo de distribución da franquía Rock Band por parte de EA remate en marzo, parece que poderían renovalo, e polo momento xa confirman que Green Day: Rock Band vai distribuírse con normalidade.
Existía certa preocupación sobre o asunto porque nunha presentación de EA que tivo lugar o pasado luns, o director xeral da compañía, John Riccitiello, comentara que o seu acordo de distribución con Viacom e Harmonix expiraba en marzo, e non incluía ao xogo musical de Green Day no seu calendario de vindeiros lanzamentos, pero agora aseguran que en breve anunciarán outros títulos de MTV Games, o que garantiría certo futuro para a franquía de Rock Band.
Green Day: Rock Band contará con versións para Xbox 360, PlayStation 3 e Wii este mesmo ano, pero nunha data aínda por confirmar.

PUBLICIDADE