EA encargarase dos vindeiros xogos de Star Wars

martes, 7 de maio do 2013 Marcus Fernández

Star Wars 1313 é un prometedor xogo que estaba a piques de rematar o seu desenvolvemento cando se disolveu LucasArts

Tras o peche do estudio de videoxogos LucasArts quedaba no aire a incógnita do que sería dos xogos en desenvolvemento Star Wars 1313 e Star Wars: First Assault, así como dos futuros títulos baseados no universo de Star Wars (que é de agardar que sexan moitos agora que Disney pretende explotar intensamente a franquía en pantalla grande) e Electronic Arts vén de acender unha luz de esperanza para os seareiros da saga galáctica anunciando que chegou a un acordo con Disney para facerse co control dos xogos de Star Wars para ordenadores, consolas, tablets, móbiles e outras plataformas.

Imaxe filtrada</A> do que sería Star Wars: First Assault

Aínda que polo momento non confirmaron que fosen a recuperar os dous xogos que estaban en desenvolvemento, o que si comentaron foi que os estudios que collerán este facho serán BioWare, DICE e Visceral, que traballarán nos xogos que adaptarán as seguintes películas da saga e outras historias orixinais, apostando para mover todo este universo de ciencia ficción con grande fidelidade gráfica polo motor Frostbite 3 (o que podería significar que deixaría á Wii U fóra dos seus plans ou, cando menos, afastada dos seus xogos máis importantes).

PUBLICIDADE