EA está a traballar nun novo Mirror’s Edge

mércores, 12 de xuño do 2013 Marcus Fernández

O xogo de Electronic Arts Mirror’s Edge foi un dos xogos máis innovadores do ano 2008 ao presentarse como un título de plataformas en primeira persoa, na que a protagonista tiña que percorrer unha cidade futurista realizando acrobacias típicas do parkour e que, pese a recibir moi boas críticas, non contou co respaldo do público, e agora que temos unha nova xeración de consolas ás portas a editora decidiu dar unha nova oportunidade á franquía e durante a feira E3 confirman que teremos un novo Mirror’s Edge para Xbox One, PlayStation 4 e PC.
Pero unha das grandes sorpresas deste anuncio é que non será unha secuela, senón unha revisión da historia anterior, mudando o seu desenvolvemento lineal e optando por un mundo aberto, de xeito que incrementará considerablemente a liberdade de movementos e a acción que desenvolverase por unha grande cidade dun futuro distópico.
O novo Mirror’s Edge aínda está nunha fase temperá de desenvolvemento por parte do estudio DICE en Estocolmo, empregándose para dar vida a este mundo o motor Frostbite polo que tanto está a apostar EA. Para que vaiamos facéndonos unha idea do que será o futuro xogo, xa temos o seu vídeo de presentación:

A revisión de Mirror’s Edge será un xogo de mundo aberto

PUBLICIDADE