EE.UU. estrea servizo comercial de reparto por drons

luns, 21 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Pese a que tendemos a ver a Amazon como a empresa pioneira no reparto de paquetes mediante drons, na práctica hai outras compañías que conseguiron collerlle a dianteira, como Wing, compañía de Alphabet (como Google), que en abril estreou un servizo comercial de entrega de paquetes por drons en Camberra, e agora consegue estrear o servizo nos EE.UU., concretamente na vila de Christiansburg no estado de Virxinia.
Este servizo conta coa autorización da FAA, converténdose na primeira empresa en operar un servizo comercial de reparto doméstico por drons nos EE.UU., limitándose inicialmente ao reparto de medicamentos, aperitivos e agasallos, para o que Wing colabora con FedEx Express, Walgreens e a tenda local Sugar Magnolia.
Para recibir os paquetes nunha zona designada do seu xardín ou na entrada da casa, os usuarios deben inscribirse, de xeito que non estamos ante un servizo masivo, senón que limítase basicamente a vivendas unifamiliares habitadas por usuarios claramente motivados a innovar. Cómpre lembrar que os drons non aterran na realización do reparto a domicilio, senón que descolgan os paquetes mediante un cable, o que simplifica enormemente o proceso, especialmente a nivel de seguridade.

Vídeo no que amosan a estrea de Wing en Christiansburg

PUBLICIDADE