EE.UU. prohibe a comercialización de futuros drons chineses

martes, 23 de decembro do 2025 Redacción

Skydio é unha das poucas compañías de drons que hai nos EE.UU. (e ten un catálogo moi limitado)

A Comisión Federal de Comunicacións dos EE.UU. (FCC) anunciou a incorporación dos sistemas de aeronaves non tripuladas (drons) e dos seus compoñentes críticos fabricados fóra dos Estados Unidos á denominada Covered List, o rexistro de equipos e servizos considerados de risco inaceptable para a seguridade nacional e para a protección das persoas no país. A decisión foi comunicada pola Oficina de Seguridade Pública e Seguridade Interior do organismo regulador, tras recibir unha determinación formal de seguridade nacional por parte dun grupo interaxencial do Executivo federal.
Segundo explica a FCC, a actualización da lista responde tanto á Lei de Redes de Comunicacións Seguras e Fiables de 2019 como ao disposto na sección 1709 da Lei de Autorización da Defensa Nacional para o exercicio fiscal de 2025. A determinación conclúe que os drons e os seus compoñentes críticos producidos en países estranxeiros poden facilitar operacións de vixilancia persistente, a exfiltración de datos sensibles, accesos remotos non autorizados ou mesmo accións disruptivas e destrutivas sobre territorio estadounidense.
O documento sinala que os drons son tecnoloxías de dobre uso, con aplicacións comerciais pero tamén con potencial militar ou paramilitar, e advirte de que elementos como sistemas de comunicación, controladores de voo, estacións de control en terra, sensores, cámaras, baterías ou motores fabricados no exterior poden converterse nun vector de ameaza. Entre os riscos identificados figuran ataques directos con drons, interrupcións do servizo, espionaxe e vulnerabilidades explotables mediante actualizacións de software.
A FCC contextualiza esta medida no marco da preparación dos Estados Unidos para grandes eventos internacionais de masas, como o Mundial de Fútbol ou os Xogos Olímpicos, nos que a protección do espazo aéreo e das infraestruturas críticas é considerada unha prioridade de seguridade nacional. A determinación subliña tamén a necesidade de reforzar unha base industrial doméstica resiliente para a fabricación de drons e dos seus compoñentes, reducindo a dependencia de cadeas de subministración estranxeiras.
Coa inclusión na Covered List, os equipos afectados non poderán obter autorización de comercialización por parte da FCC. Ademais, os solicitantes de certificación deberán acreditar expresamente que os seus produtos non están comprendidos nesta categoría. A Comisión precisa que estas restricións se aplican por criterio de lugar de produción e non pola identificación dunha empresa concreta, agás no caso do material xa listado expresamente pola lei de defensa.
Tendo en conta que o fabricante de drons (tanto de consumo como profesionais) líder a nivel mundial é DJI, estamos ante unha situación que pode lembrar á de Huawei coa telefonía móbil e as redes 5G, pois os EE.UU. pechan as portas á compañía que está en cabeza globalmente, pero nesta situación a decisión semella pouco razoada, xa que non existen alternativas reais á tecnoloxía que ofrece o fabricante chinés, xa que o seu liderado durante tantos anos erradicou á competencia.