EE.UU. supera os 100 millóns de subscritores de pagamento de música en streaming
mércores, 19 de marzo do 2025
A patronal da industria discográfica dos EE.UU., a RIAA, vén de publicar o seu balance anual de 2024, destacando especialmente o feito de que por primeira vez na historia superouse a barreira dos 100 millóns de subscritores de música en streaming (supoñendo dous terzos dos ingresos da industria), á vez que constatan a curiosidade de que o mercado dos discos de vinilo leva 18 anos seguidos medrando.
En xeral o streaming supón o 84% dos ingresos da industria, mentres que os soportes fÃsicos quedan no 11% e as descargas dixitais seguen camiño da extinción cun 2% dos ingresos do sector (contrastando co 43% que chegaron a ocupar en 2012). Tamén sorprende ver que os beneficios provenientes da publicidade (en plataformas como YouTube, Spotify ou Facebook) supón só o 10% dos ingresos da industria musical.
No que respecta aos soportes fÃsicos, a RIAA rexistrou a venda de 44 millóns de discos de vinilo e 33 millóns de CD, pero en ingresos o vinilo suporÃa preto das tres cuartas partes do negocio, de aà que haxa tanto interese por manter tal formato.
Estes datos non poden extrapolarse a nivel mundial, dada a idiosincrasia estadounidense, que leva a detalles como que Spotify só ten o 36% do mercado do streaming, seguido por Apple Music (30,7%) e Amazon Music (23,8%), de xeito que o 90,5% do negocio estarÃa en mans de só tres actores, mentres que en mercados como o europeo a presenza de Apple Music é moi reducida. Pero a evolución do mercado musical cara aos servizos de streaming si é universal, sorprendendo a cantidade de usuarios dispostos a contratar subscricións de pagamento para ter máis prestacións e eludir a publicidade.