EGATEL formará a xente en nova en Linux e servidores

mércores, 30 de agosto do 2017 Redacción

EGATEL, empresa con sede na Tecnópole (Ourense) centrada no desenvolvemento e fabricación de equipos para a radiodifusión de TV e comunicación vía satélite, vén de anunciar que impartirá un curso sobre Linux, servidores e sistemas embebidos para xente nova (mozos de entre 16 e 25 anos). Será un obradoiro de formación en modalidade presencial e celebrarase a finais do próximo mes de setembro. A data concreta está suxeita ao peche dun grupo mínimo de cinco persoas.
Segundo informa a Tecnópole, o curso abranguerá 300 horas de actividade docente e impartirase en xornadas de oito horas de luns a venres. Das cinco persoas seleccionadas para recibir a formación, tres optarán a unhas prácticas na empresa de 200 horas e destas tres, dúas conseguirán un contrato de seis meses. Na selección de participantes valorarase o coñecemento previo do temario para “avanzar coa programación de maneira máis rápida e produtiva”.
Os participantes deben estar inscritos no sistema de garantía xuvenil e cumprir os requisitos que alí se esixen. EGATEL habilitou na Rede, nun documento en PDF, toda a documentación ao respecto.

PUBLICIDADE