Enisa mobiliza 303 millóns de euros para impulsar e financiar ás empresas innovadoras españolas
mércores, 30 de xullo do 2025
Enisa, entidade pública dependente do Ministerio de Industria e Turismo, quere impulsar o emprendemento innovador no ámbito estatal a través da concesión de préstamos participativos. En 2025 multiplica o seu orzamento, grazas á creación do novo mecanismo Fepyme. “Trátase dunha gran noticia para o ecosistema. Conseguimos dar resposta a unha demanda histórica, xa que con este mecanismo a xestión orzamentaria dos préstamos deixará de estar suxeita á estacionalidade e terá dispoñibilidade permanente”, comenta Carolina Rodríguez, directora executiva de Enisa.
Explica Rodríguez que a dotación de Fepyme provén dos fondos europeos (a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia, PRTR) e que estas contías contan cunha dotación inicial de 303 millóns de euros, que estarán dispoñibles ata o 31 de agosto de 2026. A partir de entón, a asignación dos fondos do mecanismo realizarase a través dos Orzamentos Xerais do Estado.
O obxectivo é “asegurar o financiamento de Enisa destinado a startups e pemes innovadoras españolas, tanto en fase de creación como de crecemento, durante todo o ano”.
“O desenvolvemento deste mecanismo garante a estabilidade da entidade pública a longo prazo”, sinala Carolina Rodríguez, salientando algunhas das súas principais vantaxes: un maior orzamento baixo xestión (Enisa triplica o seu orzamento para os vindeiros meses, respecto de as súas liñas tradicionais), a posibilidade de financiar a máis pemes e startups, con maior importe medio por préstamo; a continua dispoñibilidade de orzamento e a supresión da estacionalidade dos fondos; e un oroceso máis áxil e eficiente, optimizando os prazos de obtención de financiamento para a empresa.
Ademais, o financiamento de Enisa ofrece préstamos participativos sen necesidade de garantías, “o que facilita o acceso a capital para empresas que queren medrar, innovar e mellorar a súa competitividade”, explican, engadindo que este apoio “promove a creación de novas empresas, especialmente en sectores estratéxicos, fomentando o emprendemento novo e feminino, a xeración de emprego de calidade, a transformación dixital, o desenvolvemento tecnolóxico e a sustentabilidade”.
Ademais, Enisa seguirá xestionando orzamento doutros ministerios, priorizando o apoio ao sector agroalimentario (liña AgroInnpulso), liña Audiovisual e Industrias Culturais e Creativas e ao emprendemento dixital feminino (liña Emprendedoras Dixitais).
