EYSE, a cámara estereoscópica que permite ver en primeira persoa eventos remotos

martes, 10 de maio do 2016 Marcus Fernández

Esta ano a realidade virtual está a pegar con forza, o que dispara tamén o lanzamento de produtos destinados á captación de imaxes e vídeos inmersivos, que poden consumirse de xeito atractivo grazas aos distintos tipos de cascos de realidade virtual, pero mentres a meirande parte dos fabricantes abordan este reto apostando polo vídeo en 360º, unha campaña en Kickstarter optar por unha cámara destinada a realizar gravacións en primeira persoa de xeito estereoscópico.
O EYSE sería un produto con conectividade Wi-Fi para facilitar a transmisión de vídeo en directo (permitindo así vivir na distancia unha experiencia) que estará equipado cun par de cámaras de 5 Mpíxeles debidamente separadas para simular a visión estereoscópica humana, que inclúe tamén un micro-gimbal para estabilizar as gravacións en movemento. O trebello pode conectarse ao smartphone para o seu control e o acceso aos contidos rexistrados, de xeito que tamén podemos aproveitar o móbil para a reprodución dos contidos de xeito estereoscópico (cunha solución na liña do cartón de Google).
Esta solución de gravación é resistente a golpes e á auga, e tamén é compatible coa meirande parte dos soportes para cámaras deportivas, de xeito que pode converterse como o sucesor de cámaras tipo GoPro, ofrecendo unha experiencia en primeira persoa máis inmersiva. A súa instalación en drons tamén pode resultar moi interesante, transmitindo ao usuario a experiencia de voar.
En vista das posibles interaccións en directo, o EYSE integra tanto micrófono como altofalante, de xeito que conta con son bidireccional, o que incluso podería entenderse como unha solución de telepresenza (ou como unha cámara de vixilancia con certo nivel de interacción).
Funciona con dúas baterías AA que incluso poden cargarse sen apagar o EYSE (xa que poden cambiarse en quente), sendo compatible co sistema de carga sen fíos Qi. O produto ten un peso duns 100 gramos, e o seu modelo máis básico pode conseguirse actualmente por 349 dólares, chegando aos 799 dólares no seu modelo máis avanzado, o que parece un prezo bastante elevado para un produto que non deixa de ter a aparencia dun xoguete (e como tal parece estar a promocionarse polos seus desenvolvedores). Prevese que chegue a mans dos seus mecenas no mes de outubro.

EYSE pode colocarse nun dron para permitirnos ver voos en primeira persoa

PUBLICIDADE