Echoboom lanza un simulador aéreo das dúas Guerras Mundiais con importantes vertentes didácticas

mércores, 29 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

Partindo da base das capacidades de comunicación da tecnoloxía de lecer entre as novas xeracións e as que xa non son tan novas (linguaxe común), a empresa española Echoboom Apps vén de desenvolver un videoxogo dirixido a abranguer o público máis amplo posíbel, “dende os trece anos até a idade adulta”. O videoxogo en cuestión chámase Dogfight e consiste nun simulador aéreo multixogador da Primeira Guerra Mundial, que ademais facilita unha especial capacidade de integración no que a diferentes idades se refire. Ou sexa, “que permite a familiares e amigos xogar deseñando estratexias en conxunto, deste xeito, a experiencia vólvese máis interactiva cunha dinámica social”, sinala Echoboom, empresa especializada na achega de xogos con contidos educativos.
Esta miúdo estudio nado en Madrid aplica a arela formativa e didáctica a tódolos proxectos de seu, e Dogfight Elite, con toda probabilidade primeiro simulador aéreo con contidos educativos históricos da Primeira e Segunda Guerra Mundial, non é unha excepción. “Con Dogfight Elite”, sinalan, “pretendemos revelar historias descoñecidas que sexan atractivas para o xogador, anécdotas sobre o lado máis humano dos pilotos; un exemplo diso sería respectar no xogo o código de honra que existía entre os cabaleiros do aire, unha moral subxacente aínda que se tratase dunha guerra”. Esta é unha das importantes leccións que achega o xogo, engaden dende Echoboom.
Joaquín Grech, o seu fundador, explica outro labor salientábel, que é o labor previo de investigación para poder desenvolver un simulador destas características e documentalo. “Non soamente é fundamental que os datos históricos sexan totalmente precisos, senón que o xogo estea baseado na física, polo que tampouco exista unha marxe de erro no lado técnico do xogo”, comenta. Deste xeito, con Dogfight Elite, nenos e adultos aprenden nocións de mecánica, de técnicas de voo, así como características da potencia do motor.
Echoboom é unha empresa especializada no desenvolvemento de apps para móbiles (Android, iOS, BlackBerry, Windows Mobile). Deseña e desenvolve aplicacións móbiles adaptadas ás necesidades do mercado ademais das súas propias. A iniciativa nace en marzo de 2012 da man dun mozo emprendedor, Joaquin Grech, programador de profesión pola Universidade de Nova York.

PUBLICIDADE