EcoRaee dá pasos importantes dende Ourense na reutilización de material tecnolóxico

luns, 26 de maio do 2014 Redacción

Xosé Antón Vila e Javier Rodeiro, docentes do campus de Ourense

A onde vai parar o refugallo de todos os aparellos electrónicos que se tiran ao lixo? Está pregunta debérona facer os responsábeis do proxecto EcoRaee, logo de saber que arredor dun 4% do lixo xerado na UE está composto por residuos electrónicos ou eléctricos, porcentaxe que en España equivale a máis de 150.000 toneladas anuais de material que non é axeitadamente tratado e que xera danos no ambiente e na saúde. Co gallo de combater este panorama naceu o proxecto EcoRaee, que dende o campus de Ourense (Universidade de Vigo) vai á procura de alternativas de reutilización deste equipamento electrónico en desuso.
Unha das opcións sobre as que traballan os investigadores é o emprego deste material para unha mellor refrixeración das grandes instalacións informáticas de computación en rede, que teñen na xestión da calor que xeran un dos seus grandes problemas.
Segundo explican os seus promotores, o obxectivo xeral de EcoRaee -un proxecto Life + de tres anos de duración e un orzamento de 1,26 millóns de euros que coordina a Universidade de Vigo en colaboración con Revertia e EnergyLab- é a caracterización e demostración dun proceso industrial de preparación para reutilizar equipos electrónicos, coa finalidade de promover estándares para a transposición da normativa europea e contribuír así a un alto nivel de separación dos aparellos electrónicos e eléctricos, entre o 45% e o 65% nos vindeiros años. Neste contexto, a iniciativa desenvólvese en catro liñas de traballo, chamadas demostrativos, nas que valoran posíbeis usos para os equipos en desuso e amosan a utilidade do seu material, nalgúns casos para propósitos diferentes para os que foron creados orixinariamente.
“O gasto máis grande de electricidade en informática non se fai en manter accesos os equipos senón na súa refrixeración, porque estes aparellos disipan moitísima calor e iso afecta ao seu propio funcionamento. O sistema clásico e básico bota man de ventiladores para solucionar este problema. Isto funciona nun computador, en dous... pero cando se fala de instalacións grandes o ambiente non é quen de disipar esa calor e iso supón un gran problema”, explica Javier Rodeiro, do Departamento de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo e coordinador dos demostrativos do proxecto europeo desde o campus de Ourense.
O demostrativo centrado na busca de alternativas de refrixeración para instalacións informáticas de procesamento en grid está a desenvolverse no CITI (Centro de Investigación, Transferencia e Innovación do campus de Ourense). “O obxectivo neste caso é reutilizar o equipo en desuso para a creación de clústers, agregacións de computadores, e facer así instalacións eficientes enerxeticamente falando”, indica Rodeiro. Deste xeito, os investigadores traballan na construción nos laboratorios do CITI de seis armarios con 20 procesadores cada un nos que se experimenta con diferente tipo de refrixeración dos compoñentes electrónicos pensando na súa escalabilidade para instalacións de supercomputación. Para comprobar a utilidade dos sistemas artellados, o proxecto vai entrar dentro do Grid europeo de supercomputación, como un nodo do Centro de Supercomputación de Galicia CESGA, onde se vai contabilizar o tempo de CPU que estes armarios poden dar para actividades de cálculo.

PUBLICIDADE