Ecoloxistas en Acción organiza unha xornada en Portonovo sobre como medrar de xeito saudábel no mundo dixital

martes, 31 de outubro do 2023 S. P.

Ecoloxistas en Acción celebra este 2 de outubro unha xornada para presentar a súa campaña escolar sobre os riscos do uso dos medios dixitais sen supervisión e control, como inicio da difusión da súa guía para nais, país e docentes. Será este xoves 2 de outubro ás 14.30 horas no CEIP Plurilingüe de Portonovo. Presentaranse as alertas sobre as diferentes problemáticas recoñecidas do que Ecoloxistas en Acción cualifica de “proceso hiperdixitalizador do proceso educativo e da sociedade nos eidos da saúde, aprendizaxe, ambiental e social”.
En concreto, a delegación galega da ONG mostrará as achegas e normas do ámbito científico, profesional e institucional cara “a un uso dos medios dixitais que atenda a idade e situación de maior vulnerabilidade de nenas, nenos e rapaces, cara a formar persoas que afronten o uso desta tecnoloxía de forma sobria, biocompatíbel, sostíbel, ética e crítica”.
A presentación terá formato de charla-coloquio e contará coa colaboración do Departamento de Orientación do CEIP de Portonovo, poñendo o foco, dunha maneira crítica e construtiva, na necesidade de “abrir unha reflexión na súa comunidade educativa sobre unha revolución dixital publicitada como verde, inocua, inmaterial, sustentábel e imprescindíbel”.
Contarase con relatores a Xulio Carmona, coordinador da área de dixitalización e contaminación electromagnética de Ecoloxistas en Acción, e de Javier Zarzuela Aragón, veterano docente e activista ecosocial, escritor do libro Stop TIC Infancia.
Os expertos convocados abordarán, entre outros asuntos, a “presenza importante” en “idades temperás” de condutas aditivas relacionadas co mal uso das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).

PUBLICIDADE