Ecoloxistas en Acción pon na Rede o documental Alegría!, con motivo do 22 aniversario do desastre do Prestige
mércores, 13 de novembro do 2024
A organización Ecoloxistas en Acción vén de abrir ao público o documental Alegría!, con motivo dos 22 anos do desastre ambiental do buque petroleiro Prestige nas nosas costas. Con iso pretende alertar de que, 22 anos despois, “a sociedade non está exenta dun novo desastre ecolóxico debido á gran dependencia do petróleo”. O filme Alegría!, película producida pola organización ecoloxista, sinala as causas que desencadearon a maior marea negra da costa galega e lembra que “ante a inacción do goberno, foi a marea branca de solidariedade a que se enfrontou ao chapapote”.
A organización lembra que logo destes anos “os efectos da vertedura do Prestige aínda están presentes na Costa da Morte, podéndose observar aínda a primeira ollada”. Engaden que “aínda queda chapapote baixo a area e que todo isto sitúanos ante outra proba máis de como, cando se produce un gran desastre ecolóxico, os seus efectos perduran durante anos ou mesmo décadas… Por iso, é necesario que se adopten por parte das autoridades todas as medidas necesarias para evitar que se volvan a producir este tipo de accidentes”.
Ecoloxistas en Acción lembra que o 70 % do transporte marítimo europeo pasa fronte a Galicia, uns 40.000 barcos ao ano, e aproximadamente un de cada tres (38 ao día) transporta mercadorías perigosas, ademais do seu combustíbel. “Lembremos o accidente do quimiquero Blue Star na ría de Ares o ano pasado”, sinalan.
Ecoloxistas en Acción, coa difusión deste documental, quere lembrar que é necesario mellorar a coordinación de medios operativos permanentes e unidades de vixilancia marítima, así como o aumento da cantidade e calidade das inspeccións dos buques que atracan no litoral de Galicia; “Que hai pequenos Prestige diarios, en forma de baleirados de sentinas; que temos, tamén, que romper con este modelo dependente do petróleo, cuxas desgraciadas consecuencias para o planeta coñecemos; pero, sobre todo, lembrar a onda de solidariedade, a marea branca que suplindo a carencia de medios coa forza da ilusión foi quen de enfrontarse a gran mancha negra mentres o Goberno, ausente, seguía negando a súa existencia”. Por iso o título deste documental é Alegría!, o berro de guerra contra o chapapote que os voluntarios e voluntarias entoaban cando o cansazo facía efecto neles. Unha exclamación popular que devolveu a dignidade ao pobo galego.
Podemos ver o audiovisual en cuestión no YouTube e, de xeito complementario, unha galería fotografía que documenta o desastre do Prestige e a marea branca que contribuíu a paliar e frear o desastre.