Economía achega 5,4 millóns para fortalecer o talento dos nosos centros tecnolóxicos

mércores, 14 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe déronse a coñecer os detalles dunha nova convocatoria autonómica para axudar aos centros tecnolóxicos a ser aínda máis excelentes e avanzados do que de feito xa son, e para favorecer que conten cos mellores profesionais. A partida de apoios, publicada hoxe no DOG, vén cunha contía de 5,4 millóns de euros. As entidades interesadas terán de prazo até o 13 de setembro para solicitar axudas.
Poden concorrer os seguintes centros: Aimen, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), ANFACO-CECOPESCA, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), EnergyLab, o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM), o Centro Tecnolóxico da Auga (Cetaqua) e o Clúster de Acuicultura de Galicia (CETGA).
Segundo informa a Consellería de Economía, de onde abrolla esta convocatoria, esta ten como obxectivo “incentivar a transferencia de resultados de investigación, de coñecemento e de capacidades tecnolóxicas dos centros tecnolóxicos ao mercado co fin de acadar un impacto na competitividade das empresas galegas e, así, xerar coñecemento”.
Os conceptos susceptíbeis de seren subvencionados son os seguintes: custos de persoal investigador ou de apoio, material bibliográfico e funxíbel e custos de formación do persoal do centro tecnolóxico, entre outros. A idea básica, engade Economía, é contribuír a fixar e reter talento mediante actuacións centradas no capital humano: contratación e consolidación de persoal de I+D así como formación.
A medida refórzase cos 2,62 millóns de euros que a Xunta destina a contratos programa coas fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), Fundación Biomédica Galicia Sur e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica) e cos centros galegos de investigación do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

PUBLICIDADE