Economia presenta axudas pioneiras para favorecer nas empresas a modernizacion tecnolóxica da loxística

xoves, 11 de agosto do 2022 S. P.

Francisco Conde, conselleiro de Economía, debullou este 11 de agosto a nova liña de axudas para os proxectos de loxística avanzada e sustentábel de pemes e persoas autónomas. Segundo fixo saber nunha visita á sede da empresa IATECC con centro de operacións en Porto do Molle (Nigrán) e centrada en desenvolvemento de soluciólns para a automatización e a dixitalización de procesos loxísticos, será unha liña de apoios pioneira en Galicia.
Na sede de IATECC, onde Conde tivo a oportunidade de coñecer as propostas tecnolóxicas que está compañía está ofrecendo aos seus clientes co obxectivo de mellorar a competitividade empresarial a través da mellora da función loxística, sinalou que as ditas axudas buscan que as pemes e as persoas autónomas impulsen iniciativas que lles permitan reducir custos, prazos de entrega e impacto ambiental, así como mellorar a calidade do servizo.
O novo programa facilitará a posta en marcha de iniciativas centradas na dixitalización e automatización; de propostas vencelladas a procesos e aplicacións como implantación de procesos de loxística inversa ou recuperación ou reciclaxe de materiais de envasado; e, por último, proxectos vencellados á analítica de datos. “As axudas están destinadas á modernizacion tecnolóxica da función loxística pero tamén buscan a sustentabilidade e reducir a pegada de carbono. Galicia quere anticiparse desde o punto de vista da eficiencia a través da loxística”, subliñou Conde.
As axudas, de concorrencia competitiva, estarán abertas ata o vindeiro 15 de setembro e contan con dúas modalidades: pemes e autónomos a través de proxectos individuais; e agrupacións de pequenas e medianas empresas a través de iniciativas colectivas (mínimo de dúas empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador).
Os apoios cubrirán ata o 35% dos investimentos para as pequenas empresas e o 25% para as medianas, ademais do 50% dos custos das colaboracións externas, cun límite máximo de subvención de 100.000 euros en iniciativas individuais, e de 100.000 euros multiplicados polo número de empresas nos proxectos colectivos.

PUBLICIDADE