Economía tirará partido do máis cotián para divulgar a investigación na Semana da Ciencia

mércores, 27 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Produtos de cociña como a maicena ou os ovos serán protagonistas dalgunhas das actividades

Co mes de novembro chega, como xa é tradición, a cita máis importante da I+D+I coa cidadanía: a Semana da Ciencia en Galicia, na que todo tipo de entidades, públicas e privadas, están chamadas a abrir as portas e organizar actividades coas que amosarnos a todas e todos (dun xeito ameno e accesible) até que punto a investigación e a tecnoloxía están presentes nas nosas vidas. Entre as entidades que apoian a Semana, a desenvolver entre o 8 e o 21 de novembro, atópase a Consellería de Economía, que achegou 462.000 euros axudas para a posta en marcha de 25 proxectos informativos. Estas iniciativas de divulgación tocarán un amplo abano de eidos, que van desde a robótica e a astronomía ata a química e a oceanografía, pasando pola meteoroloxía e a neurociencia. Ademais das accións devanditas, Economía inclúe un programa propio de eventos para impulsar dende o máis cotián a divulgación da ciencia e da tecnoloxía entre todos os galegos e galegas.
Con esta iniciativa, chamada Ciencia de cada día, sácanse á rúa os experimentos máis divertidos para que os cidadáns poidan conectar de xeito ameno e lúdico coa investigación e máis coa tecnoloxía. Para acadalo, o cubo da ciencia será instalado nas sete grandes localidades galegas con cinco espazos de convivencia coa I+D+I:
· Fluídos non newtonianos... ou as incribles propiedades da maicena. A maicena caracterízase por comportarse como un fluído non newtoniano (a súa densidade varía coa presión). Colocarase unha cubeta transparente chea deste produto e convidarase ao público a bater nela de forma contundente. Abraiados, observarán que non salpica, senón que se comporta como un material viscoso moi denso.
· Os amidóns da comida... ou como o betadine revela segredos da comida. Ao aplicar substancias iodadas en alimentos, o iodo fíxase ás moléculas de amidón, dándolles unha cor moi escura. Os visitantes, como auténticos científicos, poderán investigar a presenza ou non de amidón en distintos alimentos (embutidos, pan, froitas, etc...).
· Fritindo un ovo sen calor.... ou a desnaturalización das proteínas. Se lanzamos un ovo nunha tixola que conteña alcol, prodúcese un cambio de aspecto que lle dá aparencia de estar fritido. Realmente ocorre unha desnaturalización das proteínas do albume (a clara) moi semellante á que provoca a calor.
· Están entre nós... ou a incrible vida presente nunha pinga de auga. Algo tan sinxelo como preparar unha mostra dunha pinga de auga e esculcala no microscopio é unha experiencia única que gran parte da poboación nunca tivo.
· Televisor 42’’ 3D, lentes estereoscópicas e realidade aumentada. Os visitantes poderán ver nunha pantalla de 42’’ compatible con 3D o anuncio da Semana da Ciencia en Galicia.
Estas actividades, xunto con todas as promovidas polas entidades, están a ser difundidas a través dos medios de comunicación tanto de prensa escrita en papel e dixital como audiovisuais. Polo que se refire a Internet, amais de centralizar toda a axenda na web www.divulgacion360.org, o evento estase a promover nas redes sociais. Asemade, as rúas están a ser tamén obxecto de accións publicitarias a través de vallas, mupis, carteis, autobuses, etc.
Tamén se puxo a disposición das entidades organizadoras un pack de cine científico, este ano con nove películas facilitadas pola Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT) para a súa difusión.

Calendario Ciencia de cada día:
Santiago de Compostela: 8 e 9 de novembro. Alameda.
A Coruña: 11 e 12 de novembro. Os Cantóns.
Vigo: 13 e 14 de novembro. Rúa Príncipe.
Pontevedra: 15 e 16 de novembro. Av. Montero Ríos.
Ourense: 17 de novembro. Parque do Posío.
Ferrol: 18 de novembro. Praza de Armas.
Lugo: 19 de novembro. Praza Maior.

PUBLICIDADE