Económica videocámara para o automóbil

venres, 28 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

A tenda chinesa en liña Chinavasion incorpora ao seu catálogo de produtos un novo sistema de gravación de vídeo para o automóbil con detección de movemento que pode colocarse no parabrisas ou no salpicadeiro para rexistrar algún accidente no que poidamos tomar parte, de xeito que axudaría a dilucidar responsabilidades a posteriori, podendo aproveitarse esta cámara para outro tipo de usos (coma o seu uso coma cámara de vixilancia aproveitando as súas funcións de detección de movemento).
A cámara CVSB-DC38 ten un sensor CMOS de 1,3 Mpíxeles, de xeito que é capaz de tomar imaxes de 1.600 x 1.200 píxeles en formato JPEG ou gravar vídeo en AVI a unha resolución de 640 x 480 píxeles, empregando coma soporte tarxetas SD de ata 32 Gb (inclúe unha de 2 Gb). Tamén integra micrófono, visión nocturna, saída de vídeo (o dispositivo pode funcionar en modo reprodución), soporte con ventosa e cargador para o automóbil. A súa batería de 1.020 mAh permítelle unha autonomía de ata 3 horas, e o máis sorprendente deste produto sería o seu prezo de só 28,96 euros (para unidades soltas, pois existe a posibilidade de acadar descontos por volume).

PUBLICIDADE