Ectaco aposta polo baixo prezo no seu lector de libros electrónicos

luns, 19 de outubro do 2009 Marcus Fernández

A competencia no sector dos lectores de libros electrónicos afecta directamente ao seu prezo, e así Ectaco está a preparar un dispositivo chamado jetBook Lite, que vén de amosar na Feira do Libro de Fráncfort, e que deixaría de lado a tecnoloxía de E Ink, optando por unha pantalla TFT de 5 polgadas para presentar os contidos, o que facilitaría a súa redución de prezo ata chegar ao seu obxectivo: venderse por 149 dólares (menos de 100 euros). Actualmente pode adquirirse por 179,99 dólares (incluíndo portes para boa parte dos EE.UU.).
Este tipo de tecnoloxía emprégase actualmente en dicionarios electrónicos, e para aforrar custos tamén prescinde de batería interna (funciona con 4 baterías AA), conta con 100 Mb de memoria interna ampliable con tarxetas SD e entre o seu soporte de idiomas inclúe o inglés, alemán, ruso, polaco e español.
O Ectaco jetBook Lite é compatible coa tenda de libros electrónicos de Barnes & Noble e, aínda que as súas prestacións disten moito das que ten a competencia, o seu atractivo prezo podería superar tal atranco.


O jetBook Lite en acción

PUBLICIDADE