Edigal reforza a súa plataforma Breo ante os importantes picos de consumo xerados polo confinamento

martes, 7 de abril do 2020 S. P.

Edigal, referente galego no sector da tecnoloxía eléctrica, está a pór un relevante gran de area en materia de xestión enerxética en tempos de COVID-19. E faino a través da súa plataforma intelixente Breo, que vén de ser obxecto dun reforzamento do servizo, co obxectivo, en palabras da empresa, de “garantir o correcto subministro eléctrico en millóns de fogares confinados” por mor das directrices e disposicións do Decreto de Alarma.
Breo, lembra Edigal, é un sistema intelixente para a monitoraxe e optimización da telexestión de contadores e concentradores. A día de hoxe, explica a firma pontevedresa, é “o máis empregado polas distribuidoras eléctricas nacionais, xa que permite detectar, en tempo real, calquera anomalía na rede que interfira no bo funcionamento do servizo eléctrico”.
Breo tamén salienta pola súa eficacia e pola súa capacidade para adaptarse a diferentes contornas, axudando á toma de decisións dun xeito máis rápido e rendíbel, e “permitindo emendar as eivas que puidesen afectar nestes intres a millṕons de fogares”, explica Edigal acerca do importante labor que desprega a súa plataforma, engadindo que a actual situación de reclusión nos fogares de millóns de familias, provocada pola pandemia, obriga ás distribuidoras eléctricas a reforzar o seu servizo, e intensificar o uso de ferramentas como Breo para adaptarse ao novo escenario económico-social (persoas traballando a distancia, nenos recibindo clases en liña, aumento no uso de electrodomésticos, maior consumo de medios audiovisuais, etc). Este incremento importante nos consumos está na orixe do dito proceso de fortalecemento tecnolóxico, para “que o servizo das distribuidoras non se vexa afectado negativamente polo pico de consumo”.
Desde o inicio do confinamento, o equipo técnico de Breo redobrou o seu labor de supervisión da rede e mantense en contacto directo con cada unha das distribuidoras eléctricas asociadas para enviar feedback e informes de cada un dos contadores e concetradores conectados, as súas avarías e incidencias, así como a xeolocalización do problema, “logrando que nun breve espazo de tempo o servizo sexa restablecido, minimizando as molestias”, explica a empresa galega.

PUBLICIDADE